O alumnado de Burela celebrou o Día da Árbore
O Concello de Burela celebra o Día da Árbore co alumnado de primaria dos dous centros do municipio, o Ceip Vista Alegre e o Ceip Virxe do Carme. Participarán no xogo “Que árbore é?” organizado polas monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia.
O Día da Árbore celébrase o día 21 de marzo. Nesa data entregarase á clase gañadora do xogo un diploma e a cativada plantará unha árbore, proporcionada pola Delegación de Medio Ambiente, nos xardíns de cada centro.
Lina Gómez Pardo, concelleira de Cultura Medioambiental e Ecolóxica e responsable do centro Gaia, sinala que con este tipo de actividades preténdese “concienciar á comunidade e loitar por un impacto medioambiental positivo, contribuíndo á reforestación e combatendo o cambio climático”.
No día de onte explicouse en cada aula a dinámica do xogo, que se vén realizando dende hai anos, e se entregaron as follas que servirán para facer as votacións grupais antes do día 21, ao tempo que se colocaron as urnas.
A primeira pista colócase hoxe, día 15 de marzo, e as sucesivas pistas, 4 en total, os días 18, 19 e 20 deste mes. Serán colocadas nunha árbore na entrada de cada centro.
Neste xogo de pistas tamén participan a Fundación Eu Son, a Asociación Saúde Mental A Mariña e a Asociación Camiña. As pistas nestes casos colocaranse nun panel en cada centro, pero o sistema de votación será idéntico, e tamén recibirán para plantar a especie de árbore que previamente elixiran.
Nas dúas escolas infantís A Galiña Azul realizaranse obradoiros de plantación de sementes ou entregas de plantas para os seus centros.