O alfocego, Lionel Rexes, publica unha nova novela
O 8 de setembro chega ás librarías A montaña do poeta, a novela do alfocego Lionel Rexes galardoada no Grove co premio Lueiro Rey de Novela a finais do pasado ano.
Publicada por Xerais, esta obra ambientada en escenarios tanto rurais coma urbanos, desenvolve a súa trama principal nun lugar imaxinario chamado Lagoa, unha poboación onde o desequilibrio demográfico orixina curiosas relacións sociais.
O argumento, familiarizado co thriller de conspiración, parte dun suceso do pasado para instalarse na actualidade e desenvolver unha acción de alta intensidade.
É pouco coñecido o vínculo do escritor Antonio Noriega Varela, alcumado popularmente como O poeta da montaña, cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacudirá a dinámica do municipio.
O autor xa gañara o mesmo premio en 2017 coa novela A raíña das velutinas, obra que tamén fora publicada por Xerais e gozara dunha segunda edición ao ano seguinte.