O alcalde, Fran Cajoto, solicita unha reunión con Fabiola García para avanzar no futuro da residencia

Foz
AMariñaXa
"Necesitamos máis prazas, que a Xunta de Galicia invista na ampliación da actual residencia", asegura
residencia-foz-alcalde-cajoto
7 Xuño 2024

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, vén de solicitar unha reunión a Fabiola Garcia, conselleira de Política Social e presidenta do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. “A xestión do servizo e o benestar de todos os usuarios está garantido co novo contrato, recentemente adxudicado á empresa CK Sénior despois dunha licitación aberta, pero debemos avanzar, traballar de forma conxunta entre administracións no futuro da residencia de Foz”, explica o rexedor municipal.

En xaneiro do ano 2023 asinaron un convenio entre Consorcio e Concello de Foz segundo o cal a propiedade do edificio da actual residencia pasaría ao Concello, “pero os trámites non avanzan”. Fran Cajoto engade que “o edificio, propiedade do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, está a ser xestionado polo Concello de Foz desde xaneiro do ano 2019·. A transmisión da propiedade do edificio permitiría ao Concello solicitar un concerto coa Xunta de Galicia e abaratar o custo a aquelas prazas que se conveñen coa Xunta. “Queremos que os prezos se baraten para os usuarios, por iso ante os atrancos para que a Xunta a xestionase de forma directa buscamos no ano 2023 esta alternativa”.

En calquera caso as axudas de emerxencia social sufragadas por todos os focegos evitarán que unha persoa se quede fóra por non ter pensión ou recursos económicos para afrontar o custe da praza, axudas que aumentamos este ano en 240.000 euros, ata os 270.000. O alcalde de Foz quere tratar coa Conselleira de Política Social a transmisión da propiedade do edificio e as alternativas para aumentar un servizo que é claramente insuficiente: “Temos que traballar de forma conxunta para ofrecer o servizo que necesita Foz. Con 40 prazas na residencia e máis de 150 en lista de agarda estamos moi lonxe das necesidades do noso Concello”.

A poboación envellece e “non estamos preparados, a residencia é moi pequena para un concello coma o noso. Necesitamos máis prazas, que a Xunta de Galicia invista na ampliación da actual residencia. Unha solución podería pasar por aproveitar as instalacións do vello asilo e evitar a ruína do edificio, aínda que habería que superar moitos atrancos ao ser de propiedade privada, da Fundación Martínez Otero”.

0.088739156723022