O alcalde de Trabada pide que se cubra a praza do médico de familia no centro de saúde

AMariñaXa
O alcalde de Trabada, Rubén García, envioulle unha carta ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño
CENTRO-SAÚDE-TRABADA
19 Xuño 2024

O alcalde de Trabada, Rubén García, envioulle unha carta ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, para solicitarlle “que se cubra a praza a xornada completa do médico de familia de atención primaria xubilado, recuperando así o servizo de dous médicos de familia no concello”.

“Trala xubilación a finais do ano 2023 dun dos médicos de familia, o servizo recae nun só profesional e en reiteradas ocasións o noso centro de saúde estivo sen médico debido á súa ausencia, xerando así unha situación moi preocupante para tódolos veciños e veciñas de Trabada”, lembra o alcalde na carta.

A poboación ascende a 1100 habitantes, dos cales a maioría son maiores de 65 anos. A isto hai que engadir a gran dispersión da poboación, “que dificulta e aumenta os tempos das consultas a domicilio por parte do único médico co que contamos”. Ademais diso, Trabada conta cun centro de maiores, que atende a 39 usuarios os cales necesitan atención médica de forma habitual”, engade Rubén García, que lle achega ao conselleiro de Sanidade “tódalas sinaturas recollidas en Trabada coas cales os veciños e veciñas do noso concello amosan o seu apoio a que se cubra a praza do médico xubilado”.

“Os concellos pequenos e rurais temos os mesmos dereitos e necesitamos un servizos públicos dignos e de calidade para manter a poboación”, sostén o alcalde, que amosa “a total colaboración do Concello de Trabada con tódalas consellerías pertencentes á Xunta de Galicia para así mellorar os servizos cos que contamos”.

0.20502305030823