O alcalde de Ribadeo reclama investimentos nas infraestruturas provinciais

AMariñaXa
Dani Vega reclamou na Deputación de Lugo investimentos nas infraestruturas de titularidade provincial, xa que asegura que están completamente abandonadas
daniel-vega-Ribadeo-PP
Dani Vega
7 Xuño 2024

O alcalde, Dani Vega, reclamou na Deputación de Lugo investimentos nas infraestruturas de titularidade provincial, xa que asegura que están completamente abandonadas. O rexedor aludiu á tardanza coa que chegou a xuntanza: “Despois dun ano de solicitala a institución entendeu que debía corrixir esa actitude e recibiunos a deputada de Relacións Institucionais”.

Para el o importante é “buscar esa liña de acordo, buscar a inversión, é dicir todo ese orzamento que a Deputación ten a obriga de investir en Ribadeo, e a nós iso é o que nos ocupa e preocupa”. Vega lembrou que “durante todo este tempo fómoslle solicitando reunións ao presidente da Deputación, porque temos necesidades e a Deputación tamén ten obrigas no noso concello, por exemplo a conservación de toda a rede de infraestruturas, das estradas da Deputación, que están completamente abandonadas, que non hai ningún tipo de mantemento, que non hai ningún tipo de conservación á hora da limpeza, que observamos que está todo sen rozar”.

O alcalde subliñou que a institución provincial “ten unhas obrigas coas que ten que cumprir, que nos concrete cando van vir limpar e cando van vir investir para mellorar a rede de infraestruturas”. Tamén ten “unha obriga orzamentaria con Ribadeo e por iso nosoutros pedíamos, e hai un acordo da Corporación Municipal, é verdade que coa abstención do BNG e do PSOE, pero en definitiva saíu adiante”, destacando a importancia “da construción dunha pasarela para evitar que os peregrinos vaian pola estrada da Deputación, pola estrada de Vilela”.

Supón un risco “o que estamos a sufrir todos os días. E aí tamén se debe investir para evitar accidentes, que nestes momentos xa houbo dous”. Pediu tamén mellorar as contornas nesa estrada, a antiga estrada que agora quedou “como un aparcamento obsoleto, sen rozar, cun feísmo importante nese traxecto, estaría ben construír un miradoiro. Isto é importante, como tamén é importante que se invista en todas as entidades culturais, deportivas, nas asociacións de veciños, creo que é fundamental”.

E tamén lle trasladaron precisan unha reunión co deputado de Deportes porque necesitan a inversión da Deputación para construír instalacións deportivas necesarias. Nestes momentos, a Deputación “entendeu que debíamos ter esta reunión e nosoutros agradecemos este espírito de acordo que sempre mantivemos desde a institución municipal, colaborar permanentemente, a lealdade institucional é importante”, asegurou. “É verdade que non se debe confundir lealdade institucional con silencio, senón hai ningún tipo de inversión. Eu leal total, pero exixente o máximo para que as institucións, todas, a Deputación, a Xunta e o Goberno do Estado, invistan no noso pobo”.

0.22243499755859