O alcalde de Ribadeo informa de que as obras no Hospital Asilo "marchan a bo ritmo"
O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, supervisou as obras do Hospital Asilo e o rexedor dixo que marchan a bo ritmo e anunciou que a vindeira semana a conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, viaxará a Ribadeo para asinar co Concello ribadense o convenio por importe de 700.000 euros destinados a financiar parte destes traballos.
O rexedor contou que “se segue traballando na residencia Hospital Asilo. As obras avanzan a moi bo ritmo. Seguimos sendo estritamente rigorosos desde un punto de vista técnico da obra. Estamos atopando certas novidades, pero pouco a pouco vamos solucionándoas. Neste caso, hoxe quixen visitar as obras do Hospital Asilo e ver como estaban avanzando. E tamén anunciamos hoxe que na semana vindeira a conselleira de Política Social acudirá a Ribadeo e firmaremos o convenio de 700.000 euros”.
Vega subliñou que “desde un punto de vista financieiro estamos xestionando o orzamento para eliminar o crédito que se sacara de 900.000 euros e desde un punto de vista de obras estamos sendo rigorosos, estritos e estamos velando polo cumprimento do contrato da licitación. E dende logo nosoutros, como Concello, debemos facer as cosas desde a responsabilidade, sen ningún tipo de nerviosismo, sen ningún tipo de despiste”.
O alcalde indicou que “o que estamos é a traballar, a mellorar e a ter unha futura residencia moderna, con todas as prestacións, con un bo equipamento e así acoller as persoas que queremos”.
Resposta do BNG
Desde o BNG de Ribadeo celebran o anuncio do convenio de colaboración para que a Xunta aporte 700.000 euros para a reforma do Hospital-Asilo, pero din que "permaneceremos atentos a que se faga efectivo e apareza publicado no DOG canto antes".
En palabras do voceiro municipal do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Despois das peticións e xestións que levamos a cabo nas últimas semanas vemos como se fai este anuncio por parte do goberno municipal, un anuncio que celebramos e sobre o que estaremos vixiantes para que se faga efectivo e as partes cumpran o prometido. Non debemos esquecer que a competencia de Benestar Social é da Xunta de Galicia polo que seguimos defendendo que debería terse feito cargo do total da reforma. Aínda así, consideramos que é un paso adiante que servirá ademais para aliviar as maltreitas arcas municipais".
Vizoso engadiu tamén que “este anuncio súmase á axilización na execución das obras que comezamos a ver a semana pasada a raíz das nosas protestas e presións continuas. Recordamos que a un de maio só se executara o 4 % do orzamento, despois de sete meses, algo inaceptable. Todos estes avances son unha boa nova para as usuarias e usuarios desprazados que son os que máis nos importan nestes momentos. Usuarios e usuarias que levan un ano lonxe de Ribadeo, desde o sete de xuño de 2023. Seguiremos moi atentos a que as obras teñan bo ritmo solicitando mensualmente as actas de execución así como á publicación no DOG da anunciada sinatura. Queremos evitar que o goberno do PP volva abandonar esta obra tan importante para Ribadeo", conclúen.