O alcalde de Ribadeo fai un balance positivo do ano que remata e di que o 2024 será "esperanzador"

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, vén de facer balance do ano que remata, o que denomina como "bo", e considera que o 2024 será esperanzador para Ribadeo e a súa veciñanza.
30 Dec 2023

O alcalde, Dani Vega, vén de facer balance do ano que remata, o que denomina como "bo", e considera que o 2024 será esperanzador para Ribadeo e a súa veciñanza.

O rexedor sinala que “remata o 2023, un ano cargado de ilusión, de proxectos e cambios, un ano con moitas alegrías e tamén momentos difíciles, e en especial quero recordar a baga de lumes que sufrimos todos os ribadenses”. Vega subliña que “fomos un exemplo como pobo de entrega, servizo, solidariedade… son palabras que definen claramente a Ribadeo. Agora toca xestionar a colaboración institucional para ir solucionando os problemas”.

O alcalde sinala que “en breve comezará un ano e tamén un orzamento para investir: 12,3 millóns de euros, o máis alto da historia de Ribadeo. Como Goberno sabemos que temos que traballar arreo, é dicir centrarnos nos retos nos que debemos avanzar como pobo. Trátase dun orzamento máis social: a reforma do hospital asilo, a construción do novo centro de saúde e seguir mellorando e perfeccionado o servizo de axuda no fogar”.

Vega segue a súa disertación cos retos para o novo ano: “un Ribadeo máis rural apostando por un novo plan de infraestruturas estratéxico e pactado cos veciños e ir incrementado o orzamento todos os anos. Un Ribadeo máis sustentable, tamén un Ribadeo máis verde e aplicando novas medidas: mellorar os parques, facer a reforma integral do Campo de San Francisco e o xardín de Indianos. E mellorar as nosas infraestruturas, é dicir as rúas de Ribadeo. E entre todos ter un Ribadeo máis limpo. Queremos un Ribadeo con máis servizos e por iso xa estamos a traballar en novos aparcadoiros, un Ribadeo que estea aberto ao mundo e por iso estamos a crear un plan estratéxico de turismo, abrindo as portas e tendo claro que somos a capital astur galaica. E tamén queremos avanzar para que Ribadeo se converta nun referente cultural, nunha verdadeira capital cultural, por iso o 2024 será un gran ano, entre todos seguiremos mellorando o Ribadeo que queremos”.

E engade: “neste Nadal, no que estades entre amigos e entre familia seguramente que estades a disfrutar tamén das actividades que temos en Ribadeo, deséxovos un próspero 2024”.

0.18707704544067