O alcalde de Ribadeo di que haberá flexibilidade para a ampliación das terrazas dos bares

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que haberá desde o Concello flexibilidade para a ampliación das terrazas dos bares e restaurantes en Ribadeo, sempre e cando se garanta a seguridade viaria.
1
1 Maio 2020

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que haberá desde o Concello flexibilidade para a ampliación das terrazas dos bares e restaurantes en Ribadeo, sempre e cando se garanta a seguridade viaria. O rexedor dixo que cando se saiban as normas precisas do Estado, e de acordo con Acisa, haberá que estudar a ordenanza reguladora para adaptala á nova normalidade.

Suárez Barcia, que mantivo esta mañá un encontro con representantes de Acisa, explicou que “nesta xuntanza honesta, franca e sincera entre Acisa, que representa ao sector da hostalería, e o Concello de Ribadeo, que está preocupado pola situación global en xeral, queremos na medida do posible ampliar os dereitos sen vulnerar outros. Entón no que ten que ver coas terrazas, dentro da inmediatez dos próximos días aínda sen saber moi ben porque o Goberno do Estado non regulou con exactitude como vai ser a desescalada a partir da semana que vén no que ten que ver coas terrazas, pero con esas salvedades imos ter desde o Concello flexibilidade para permitir as ampliacións de superficie sempre que se garanta a seguridade viaria e tamén, loxicamente, para adaptar as tarifas á situación de alarma”.

O alcalde ribadense indicou que “vendo o que o Goberno do Estado regule nos próximos tempos, temos que ir mirando, tamén xunto con Acisa, para estudar unha revisión global da normativa de terrazas no sentido, por exemplo, de ver a posibilidade de poder autorizar en lugares de aparcamento, sabendo consecuentemente que con estas autorizacións vanse reducir os espazos destinados a este fin. Pero tamén entendendo que, como o Goberno do Estado di, vai haber unha nova normalidade e seguro que vai vir significada con distanciamento. Entón con estes criterios desde o Concello de Ribadeo non queremos ser alleos a esta nova normalidade. Sabemos que o sector é importante e na medida das posibilidades, da legalidade e da racionalidade alí estaremos para buscar solucións que poida compartir todo o mundo”.

0.1596667766571