O alcalde de Ribadeo denuncia un novo vertido ao río Grande
Nas últimas horas producíase un novo vertido de lixiviados ao río Grande, unha das captacións de auga das que se abastece a poboación ribadense. Ese vertido ocasionou un forte cheiro na auga da traída. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviar requerimentos unha vez máis e advertencias de denuncia á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, á Dirección Xeral de Saúde Pública, ao Seprona, ao Concello de Barreiros e á Cooperativa Os Irmandiños. Para Suárez Barcia é intolerable que estes vertidos se produzan cada pouco tempo. A empresa concesionaria procedeu ao baleirado dos depósitos da auga e agarda que a situación se normalice o antes posible.
O rexedor ribadense dixo que “desde o Concello de Ribadeo estamos vendo que nestas últimas horas volveuse producir algún tipo de vertido de lixiviados ao río Grande, que é unha das dúas captacións que ten Ribadeo para abastecemento de auga á poboación. Neste caso todo parece indicar que no veciño concello de Barreiros, ao igual que outras veces, hai varios anos que vimos soportando esta desgraza. Consultada información á empresa concesionaria Viaqua sobre esta circunstancia, sobre todo porque hai moita xente que está preguntando alarmada e preocupada polo olor e polo mal sabor da auga, a concesionaria indícanos que a calidade da auga cumpre a día de hoxe cos parámetros que se establecen no real decreto 140/2003, pero cousa diferente é que o olor e o sabor non sexa adecuado, e evidentemente non o é. De aí que, como sempre, aplicando os protocolos cando nos acontecen estas circunstancias acabamos de enviar de maneira urxente requerimentos e advertencias de denuncia á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a Augas de Galicia, ao Seprona da Garda Civil, ao Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia, ao Concello de Barreiros, que é onde detectamos que está a orixe dos vertidos, á Cooperativa Os Irmandiños, que é onde nos parece que está a orixe dos vertidos, e á Consellería de Sanidade”.
Fernando Suárez engadiu: “debo dicir, o que nestas circunstancias outras veces pasa, que os Concellos somos os responsables da calidade e da auga que vai pola tubaxe, pero en ningún caso podemos ser responsables, porque nin temos competencias nin está no noso territorio, cando se botan vertidos aos ríos que son utilizados pola poboación para beber. Para iso hai outras administracións a nivel autonómico e estatal que deben velar para que isto non ocorra, e é o que, outra vez máis e xa van non sei cantas, lles acabamos de pedir. Isto non pode ser, non pode estar unha poboación de 10.000 habitantes sempre cun fío pensando que nalgún momento temos que cortar o subministro de auga porque a calidade, aínda que cumpra os parámetros legais, non é boa. É inxusto que en Ribadeo teñamos que sufrir esta situación”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “a empresa concesionaria, para resolver esta incidencia, o que fixo foi baleirar os depósitos, estaos recargando de novo e espérase que nas vindeiras horas volva a normalidade. Espero que sexa dunha vez por todas, pero non quita que dentro duns días por calquera outra circunstancia volvamos ter incidencias deste tipo, e isto, insisto outra vez máis, é intolerable”.