O alcalde de Ribadeo asegura que non se puido autorizar o acto na Praza de Abastos porque ocupaba o aparcamento durante toda a ponte de maio

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, responde ás críticas vertidas nas últimas horas desde o PP, asegurando que sempre está disposto á colaboración pero nunca á demagoxia, á marrullería e ao oportunismo.
8 Maio 2019

O alcalde, Fernando Suárez, responde ás críticas vertidas nas últimas horas desde o PP, asegurando que sempre está disposto á colaboración pero nunca á demagoxia, á marrullería e ao oportunismo. Así se refire á petición para o desenvolvemento dunha actividade de dinamización da praza de abastos, realizada desde a Fundación Semana Verde de Galicia. O rexedor manifesta que para un día de celebración deste evento, o aparcamento das inmediacións do mercado ribadense ía estar ocupado durante catro xornadas, do 2 ao 5 de maio ambos incluídos, e iso non era posible nesas datas nas que Ribadeo recibiu a centos de visitantes. Desde o Concello propóñenlle, a través dunha carta, aos organizadores que se realice no interior da praza nunha data na primeira quincena de xuño, ademais doutras cuestións de índole legal a cumprir.

Suárez Barcia referiuse así ao acontecido: “en relación con esta crítica que un paracaidista local nos fai por esta petición que nos fixo a Xunta, hai uns días, sobre a posibilidade de utilización do aparcamento da praza da abastos para unha actividade de promoción de produtos de calidade galegos, temos que dicir desde o Concello e honestamente que nosoutros non prohibimos nada, nin as medidas que propuxemos á Xunta son imposibles de cumprir nin moito menos”.

O alcalde ribadense explicou que “remitímoslle hai uns días un escrito para tentar atopar unha fórmula na que se puidese conciliar este evento, que nos parece por outra banda positivo, co funcionamento dinámico desta zona céntrica da vila. Para iso explicámoslle que ademais de aportar o seguro de responsabilidade civil, como todo o mundo ten que facer, tamén lles indicamos que non sería posible furar no pavimento como método de anclaxe destas carpas. O que era máis preocupante era a imposibilidade de que esta estrutura estivese ocupando un aparcamento moi concorrido durante catro días, para tan so unha xornada de funcionamento, tendo en conta a demanda de aparcamento que hai nesa zona á vista desta ponte festiva que houbo. Polo tanto recomendámoslles facer este evento ou ben reducido na montaxe e desmontaxe para facelo soamente un día, ou en todo caso movelo para o mes de xuño dado que habería moitos menos problemas de conciliación de actividades”.

O rexedor engadiu: “a todo isto cal é o problema para a Xunta, pois que o mes de xuño ven despois de maio e o 26 de maio hai eleccións, e en xuño xa non interesa nin a promoción dos produtos galegos nin nada da nada. A Xunta do PP vese que nestes últimos días parece que se interesa por todo, algo que non fixo durante estes catro anos. E agora da man dun paracaidista local anda prometendo o ouro e o mouro, anda prometendo grupos de música ás festas, promete chalecos e roupa de propaganda ás asociacións culturais, promete vehículos, promete embarcacións, promete ata edificios e non sei cantas cousas máis. Pero pola contra a Xunta o que tiña que dar ao longo destes catro anos, e non nestes últimos días de promesas ridículas, tiña que aportar realmente e non aportou nada para a residencia de maiores, tiña que aportar que non aportou nada para a rede de saneamento ou mesmo para o abastecemento de auga na acometida principal, ou tiña que facer cando menos unha achega digna na renovación do campo de fútbol. De todo iso non houbo máis que silencio e demagoxia”.

Fernando Suáerez manifestou: “para concluír, nós ás colaboracións para facer cousas sempre nos terán tendendo a mao para traballar polo ben de Ribadeo, agora ben, demagoxia, marrullería e oportunismo nunca”.

0.17198705673218