O alcalde de Foz defende a planificación da mobilidade sostible e critica a postura do PP

Foz
AMariñaXa
Ademais, o alcalde lembrou que a Deputación de Lugo, titular da rúa, xa ten en contratación un proxecto que inclúe a creación dunha senda peonil xunto ao campo de fútbol Martínez Otero
rua-corporacons-Foz-Google
31 Jan 2025

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, defendeu no pleno municipal celebrado onte a aposta do goberno local por unha mobilidade sostible e planificada no casco urbano, centrada na mellora da seguridade viaria e na reordenación do tráfico. Respondeu así ás preguntas formuladas polo Partido Popular e o BNG, destacando que as decisións tomadas son resultado dun proceso de planificación consensuado. “No pasado mandato fixemos todos un exercicio colectivo para definir o modelo de pobo que queremos. Neste proceso participaron axentes sociais, asociacións de veciños e empresariais, como a ACIA local, a Policía Local e os distintos grupos políticos, chegando a un documento aprobado e en vigor”, explicou o rexedor.

Un dos puntos debatidos foi a circulación na rúa Corporacións Municipais, que, segundo Cajoto, responde a ese modelo consensuado. “O seu deseño establece un único sentido de circulación en dirección Burela, complementando a reordenación da rúa Irmandiños”, apuntou. Así mesmo, cualificou de “demagóxicas e falsas” as críticas do PP, asegurando que a configuración da vía imposibilita manter o dobre sentido sen reducir as prazas de aparcamento. “O Partido Popular non menciona que iso suporía perder a metade das prazas de estacionamento, o que prexudicaría tanto aos veciños como aos establecementos comerciais da rúa”, engadiu.

Ademais, o alcalde lembrou que a Deputación de Lugo, titular da rúa, xa ten en contratación un proxecto que inclúe a creación dunha senda peonil xunto ao campo de fútbol Martínez Otero, solucionando así os problemas de mobilidade que afectan a esa marxe da rúa Corporacións Municipais.

Críticas ao modelo de mobilidade do PP

Fran Cajoto tamén aproveitou a súa intervención para cuestionar a xestión do Partido Popular en materia de mobilidade urbana, lembrando as súas “incongruencias” en proxectos anteriores, como a reforma da avenida da Mariña e a rúa Álvaro Cunqueiro. “Primeiro ía permitirse a circulación con normalidade, logo decidiuse pechar completamente o tráfico e despois limitouse unicamente aos vehículos con ticket de compra nos establecementos da rúa, obrigando á Policía Local a multar en función diso”, explicou. Sobre a reforma da rúa Álvaro Cunqueiro, destacou que “se fixo baseándose nun proxecto que non definía o sentido de circulación e propoñía ata tres alternativas distintas, describindo a vía como unha rúa reversible”.

Cajoto lamentou que, tras ese pasado errático, o PP continúe actuando sen coherencia. “Tras un traballo conxunto para elaborar un plan de mobilidade cun enfoque técnico e planificado, é incrible que o Partido Popular volva agora con críticas sen propostas alternativas”, denunciou.

Chamamento ao consenso e exemplo de xestión

O alcalde de Foz tamén reprochou a actitude do portavoz do PP, Javier Castiñeira, acusándoo de politizar cuestións sen ofrecer solucións. “Busca a polémica en temas como a situación da carpa do Entroido, utilizando un incidente no Carnaval de 2024 para criticar a súa ubicación. No pleno pedímoslle coherencia, porque o que buscamos é consenso”, afirmou.

Como exemplo de xestión dialogante, recordou o recente proxecto de humanización da rúa Irmandiños, onde o goberno local introduciu cambios no tramo inicial da rúa Eduardo Pondal a petición dos veciños, para mellorar a mobilidade da zona. “Sempre mostramos sensatez, capacidade de escoita e traballo continuo para que as cousas saian adiante”, asegurou. Engadiu que o modelo de cidade que defenden está inspirado en exemplos de éxito como Pontevedra, Lugo ou Vitoria, onde se priorizan espazos de convivencia e mobilidade sostible.

O rexedor insistiu en que a crítica política debe ir acompañada de argumentos sólidos e responsabilidade. “Temos cuestións moi importantes que tratar e que deben ser aprobadas por unanimidade no pleno do Concello. Nós predicamos co exemplo: este xoves apoiamos unha moción do Partido Popular para demandar ao Goberno do Estado que permita o uso dos remanentes municipais para investimentos. Con ese consenso e coherencia imos actuar en todo momento”, subliñou.

Investimento da Deputación na rúa Corporacións Municipais

Por último, Fran Cajoto agradeceu á Deputación de Lugo o investimento que realizará na rúa Corporacións Municipais, unha vía da súa titularidade. A actuación prevista consistirá no fresado do firme actual, a aplicación dunha nova capa de aglomerado e a renovación da sinalización viaria. “É unha obra de execución rápida e sinxela, pero necesaria para mellorar a seguridade e a mobilidade no centro urbano de Foz”, concluíu o alcalde.

0.1680760383606