O alcalde de Foz critica a Balseiro e Castiñeira por desinformar sobre a variante

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, saíu ao paso das declaracións do senador José Manuel Balseiro e do voceiro municipal do PP, Javier Castiñeira, sobre a variante de Foz e as actuacións do Goberno do Estado na Nacional 642. O rexedor criticou con contundencia as afirmacións dos populares e instounos a informarse antes de lanzar acusacións infundadas.
"O Partido Popular busca titulares, nós buscamos xestionar e ofrecer o mellor servizo aos veciños. Se os señores Balseiro e Castiñeira non me cren, só teñen que ler o Boletín Oficial do Estado", afirmou Cajoto. O alcalde recordou que o 14 de decembro de 2024 publicouse no BOE a adxudicación definitiva á empresa MISTURAS SA do contrato de conservación e mantemento de firmes das estradas estatais en Lugo e A Coruña para o período 2024-2027, cun investimento de 12,18 millóns de euros.
Cajoto insistiu en que este contrato, que xa é unha realidade, inclúe actuacións na variante de Foz. "Isto é xestionar, o resto é palabrería", sentenciou.
Ademais, o alcalde puxo en dúbida a credibilidade de Balseiro e a súa recente interpelación ao ministro Óscar Puente. "Espero que o señor Balseiro non teña a ousadía de dicir que grazas á súa pregunta de hai uns días se arranxou ningunha estrada. A súa intervención demostrou un total descoñecemento das infraestruturas da provincia, sexa en ferrocarril ou en estrada", asegurou.
Cajoto rematou cunha petición clara: "Se non len o BOE, polo menos que nos pregunten aos representantes de cada concello. E xa que falamos de variantes, os mariñáns tamén queremos saber algo sobre a variante de Viveiro. A ver se nos informa a Xunta".