O alcalde de Foz confirma o inicio inminente do aglomerado no novo vial das Torres

Foz
AMariñaXa
Fran Cajoto responde así ás críticas formuladas polo voceiro local do Partido Popular, Javier Castiñeira
2024-oficina-Fran-Cajoto-Foz
8 Jul 2025

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, confirmou que os traballos de aglomerado do novo vial das Torres se executarán ao longo desta semana, dando resposta ás críticas formuladas polo voceiro local do Partido Popular, Javier Castiñeira.

Cajoto cualificou de “absoluta demagoxia” as declaracións do PP e defendeu o avance das obras: “O señor Castiñeira volve as andadas e segue coa absoluta demagoxia. Estamos construíndo un novo vial nas Torres, hai pouquiños meses rematamos as terras e a urbanización e está pendente o aglomerado, que se vai executar nesta mesma semana, como é vox populi, como é de xeral coñecemento”, afirmou.

Segundo explicou o rexedor, a empresa Isidro Otero, que actualmente está rematando traballos en Marzán, na rúa Prado da Lama e na reparación tras o rebentón dunha tubaxe entre a rúa Sarria e Illa Nova, será a encargada de realizar tamén o aglomerado nas Torres, actuando neste caso como subcontrata.

O alcalde puxo en valor a axilidade coa que se están a desenvolver os proxectos de mellora urbana e criticou a actitude do PP: “É curioso que o Partido Popular, cando sabe que se vai executar algo, o solicite; é curioso que siga con esta demagoxia absoluta respecto a unhas obras de mellora do pobo que se fixeron con gran axilidade”.

Cajoto rematou destacando o compromiso do goberno local coa transformación do municipio: “O que se pretende é seguir mellorando a nosa vila e continuar apostando pola transformación do que é unha vila nunha pequena cidade, para que desde logo a seguridade viaria e a comodidade sexa tamén unha das nosas señas de identidade”.

⚙ Configurar cookies
0.33436822891235