O alcalde de Foz adxudicou o aglomerado na zona rural

Foz
AMariñaXa
O alcalde de Foz anuncia a adxudicación da mellora do firme e limpeza de cunetas de distintos viais na zona rural
foz vilacizal santa cilla
12 Nov 2021

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia a adxudicación á empresa Carferlo SLU da mellora do firme e limpeza de cunetas de distintos viais na zona rural por un importe de 84.458 euros.

O rexedor municipal explica que “o contrato licitouse en 93.740 euros e a baixa de adxudicación reverterá na mellora doutros viais no rural que se encontran en mal estado, tal e como vimos facendo desde que temos a responsabilidade de goberno. Pouco a pouco imos avanzando con obras de mellora tanto na zona urbana como nas parroquias, aínda que nos queda moito traballo por facer”.

Fran Cajoto engade que “o financiamento das obras corre a cargo do Plan Único 2021 da Deputación de Lugo e enmárcanse dentro do programa Conecta Rural, no que o Concello segue a traballar: a fibra óptica é unha realidade en todas as parroquias, o cal era impensable hai só 2 anos. Estamos asfaltando camiños públicos de acceso a vivendas que a día de hoxe aínda están en terra, como o barrio de Brea, en Nois, ou distintas actuacións que estamos executando nestes momentos en Cangas, Nois e Vilaronte. Está pendente mellorar ou incluso posibilitar cobertura de telefonía móbil en distintas zonas, pero vamos avanzando. Estamos procurando que os servizos nas parroquias se vaian aproximando aos que existen no casco urbano”.

O alcalde de Foz especifica que “este proxecto adxudicado agora céntrase no aglomerado en quente e limpeza de marxes e cunetas en distintos viais públicos, incluíndo a sinalización e pintado así como o recrecido de tapas ou disposición de novas canalizacións de desaugue onde sexa necesario. Tanto no núcleo urbano como nas zonas rurais queda moito por facer, pero con estes traballos faltará algo menos. As obras realizaranse nos seguintes camiños: en Fazouro, na zona da Rúa e no Morgallón; en Nois, o camiño de acceso ao porto e na zona do apeadoiro; en Marzán, na rúa de Francia e na da Báscula; en Vilaxoane, no camiño de Mansín; e en Santa Cilla continuarase o aglomerado dun vial no Chao e tamén en Vilacizal ata a capela do Carme”.

0.20553684234619