O alcalde de Foz á conselleira de Política Social e Igualdade: "Xa imos tarde"

Foz
AMariñaXa
Fran Cajoto falou da residencia de maiores co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
FOZ-FRAN-CAJOTO-E-ANA-ROJO-CON-PERFECTO-RODRÍGUEZ-EN-SANTIAGO
22 Nov 2024

O xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, atendeu ao alcalde de Foz, Fran Cajoto, e á concelleira Ana Rojo en Santiago, en resposta á reiterada petición de reunión solicitada á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que non os recibiu por “problemas de axenda”, segundo xustificou o gabinete da conselleira.

Fran Cajoto explica que “a reunión foi convocada despois da pregunta parlamentaria rexistrada polas deputadas socialistas Lara Méndez López, Silvia Longueira Castro e Elena Espinosa Mangana o pasado 14 de outubro no Parlamento de Galicia na que se requiría contestación ao requirimento: Ten previsto a conselleira de Política Social recibir e atender as peticións que lle ten trasladado o alcalde de Foz?”

Á reunión de traballo asistiron o alcalde de Foz, a concelleira de Servizos Sociais e Benestar, Inclusión e Inmigración, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e as responsables das áreas xurídicas do Concello e do Consorcio.

O alcalde de Foz explica: “Foi unha reunión na que a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia non se comprometeu a absolutamente nada. Desde o Concello de Foz solicitamos unha adenda ao convenio de xestión da residencia, cunha achega mínima anual do Consorcio de 200.000 euros e dixeron que non; dixeron que non a baixar os prezos da residencia. O Concello de Foz asumiu sen ter as competencias no ano 2024 máis de 700.000 euros que corresponden á Consellería de Política Social -370.000 no caso da residencia e 336.000 en concepto de SAF-. Tampouco nos quixeron dar unha data para a transferencia da propiedade do edificio da residencia ao Concello; a pesar de estar recollido no convenio de xaneiro do ano 2023 están todos os trámites sen facer. Dixeron que non a unhas peticións, anotaron outras e solicitáronnos de palabra máis documentación da finca que aportou o Concello no seu momento para a construción da residencia. Creo sinceramente que Foz merece algo máis”

Fran Cajoto engade que “é evidente o que está a pasar: a conselleira foi dúas veces nun mes a sacarse fotos nun concello veciño e non tivo oco na axenda para unha reunión de traballo. Delega a reunión e só convoca cando hai unha pregunta parlamentaria polo medio, despois de pedirlla ata en persoa. Imos solicitar unha nova reunión coa conselleira, para esixirlle un compromiso político de verdade coa vila de Foz e que abandone as escusas. Temos unha residencia pequena e un asilo propiedade da Fundación Martínez Otero que é preciso poñer en valor e creo sinceramente que debemos traballar de forma conxunta. Compromisos políticos non só co alcalde senón tamén coas veciñas e veciños de Foz. Non podemos e non debemos resignarnos a que a Consellería só invista en Ribadeo, Xove ou Cervo. Xa imos tarde”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17688393592834