O alcalde de Burela cre que a travesía Navega o Camiño promociona en grande medida a localidade

TerraChaXa | AMariñaXa
19 Jul 2019

O Concello de Burela ofreceu unha recepción aos participantes na IV Travesía Navega el Camino, que chegaron o mércores 18 de xullo ao porto burelés e que o día 18 realizaron varias visitas pola contorna. Para o alcalde, Alfredo Llano, trátase dunha actividade moi importante para dar a coñecer tanto Burela como a comarca da Mariña.
O rexedor explicou que “tivemos a experiencia de recibir á Travesía do Camiño no Mar en barcos de vela, que veñen desde Francia e van a Santiago. Estivemos con eles na antiga praza de abastos onde probaron o bonito en diversas preparacións, basicamente bonito cru (en ceviche e tartar) que lles encantou aos franceses xa que non tiñan probado desta maneira o bonito, e que lles gustou moitísimo. Alí fixemos unha presentación de Burela e do GALP, xa que lles axuda nesta travesía. Foi moi interesante atender a esta xente que consideramos que van volver e iso sempre é positivo porque no futuro, sexa dunha maneira colectiva ou individual, van poder visitar A Mariña e Burela tamén”.
Llano engadiu que “pasaron polo Monte Castelo onde puideron gozar dunhas vistas extraordinarias que, xa digo a todo o mundo que queira apreciar o litoral da costa desde Burela, nun día claro vese desde San Cibrao ata Tapia de Casariego. Tamén visitaron a lonxa, onde viron como se poxa o peixe, o barco museo que é case obrigatorio e as redeiras para que aprecien como se fai unha rede de maneira artesanal”.
O alcalde de Burela subliñou que “pensamos que esta actividade ten importancia porque dá lugar a que se coñeza a nosa comarca e Burela, e polo tanto imos seguir traballando neste senso porque incluso un dos fins do GALP da Mariña-Ortegal é dar facilidades para que se vexa a nosa zona e tamén a gastronomía. Así que é unha experiencia boa e esperamos que se repita todos os anos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17668390274048