O alcalde de Burela califica de éxito a feira do bonito, Produart e Amarte

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
5 Aug 2019

O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo da intensa fin de semana de actividades que tivo lugar do venres ao domingo en Burela, coa celebración da Feira do Bonito, de Produart e de Amarte. O rexedor dixo que Burela foi o epicentro da Mariña e subliña que as degustacións de bonito foron un éxito e que a maioría dos artesáns ou produtores ecolóxicos están interesados en repetir experiencia en Produart o vindeiro ano. O alcalde tamén destaca a calidade das obras de arte pintadas no muro do peirao.

Alfredo Llano contou que “esta fin de semana Burela foi o epicentro de toda A Mariña porque foron tres días moi intensos e estivemos moi ocupados atendendo á moitísima xente que se achegou ata o noso concello. Coincidiron tres eventos fundamentais como foron a Feira do Bonito, que despachou todo o túnido, non quedou absolutamente nada, foi espectacular ver a cantidade de xente que facía cola para facerse coas bandexas que se ofrecían o sábado e o domingo xa se esgotou tamén o marmitako rápidamente. Polo tanto con respecto á Feira do Bonito foi un éxito total, e veunos moi ben que estivera todo tan ben preparado e organizado para estrear o título de festa de interese turístico nacional. Eu penso que isto tamén trouxo xente para Burela e xa nos prepara para ver como imos organizando para o ano seguinte que isto se consolide, ofrecer o mellor de nosoutros e que isto sexa un atractivo social, turístico e económico para o noso concello”.

O rexedor relatou que “tamén tivemos Produart, no mesmo recinto feiral. Eu falei con todos os que estaban na exposición, tanto os artesáns como os produtores ecolóxicos, e todos quedaron moi contentos, case o cen por cen xa ten solicitado volver o ano que ven. Quedaron moi sorprendidos da cantidade de xente que pasou por Produart ao longo destes días”. O alcalde de Burela subliñou que “hai que ver a calidade extraordinaria que houbo no Concurso Internacional de Pintura Mural Amarte. Penso que estamos pintando un muro, ano tras anos, que é un atractivo turístico e cultural enorme, ven moita xente única e exclusivamente para ver os murais que cada ano gañan en calidade”.

E engadiu: “tamén tivemos un campionato de veteranos de fútbol na Marosa que trouxo moita xente de fora. Ademais tivemos o campionato de 3x3 de baloncesto na praza da Mariña, que tamén trouxo moita xente. E tamén veu unha exposición de vehículos antigos á praza do Concello”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19807386398315