O alcalde de Barreiros promociona como idea súa as obrigas da Lei do Solo de 2016

TerraChaXa | AMariñaXa
Nunha entrevista radiofónica Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, preguntado sobre a situación urbanística do concello, declaraba que “non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”.
11 Apr 2019

Nunha entrevista radiofónica Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, preguntado sobre a situación urbanística do concello, declaraba que “non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”.

A sentencia de absolución do Xulgado do Penal número dous de Lugo foi recorrida pola asociación ecoloxista Adega perante a Audiencia Provincial. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, así como cinco edís que formaban a xunta de goberno local en 2006, e tamén a arquitecta municipal, estaban acusados dun delito de prevaricación urbanística pola concesión, durante ese ano, de 44 licenzas para construír preto de 3.500 vivendas no municipio.

Por iso, incidiu en que “agora é a nosa obriga esixir aos promotores que actúen porque Barreiros non se merece ofrecer esta imaxe á que se viu abocada por una mala actuación no seu día do goberno bipartito da Xunta só por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.

Co obxectivo de mellorar a imaxe do concello, o rexedor requirirá aos propietarios e promotores destes proxectos, na súa maioría bancos e entidades financeiras, para que, dentro do prazo de catro meses, opten entre as dúas alternativas que o Concello lles pon sobre a mesa: reiniciar as obras para acabar as construcións ou, pola contra, derrubar os esqueletos de maneira inmediata. 

Isto ven recollido na Lei do Solo do ano 2016, na que se recolle a obriga de rematar as vivendas, o que afecta tanto á fachada como á cuberta. Isto inclúe, ademais de cerramentos e muros, a carpintería exterior: portas e xanelas. No caso de que o propietario dunha casa sen acabar non atenda a orde municipal para completar eses traballos, o concello procederá á súa execución forzosa coa imposición de sancións coercitivas. No caso de que o dono da casa siga negándose, as multas duplicaríanse cada trimestre ata acumular ese máximo de 25.000 euros en 15 meses: 1.000 da primeira, 2.000 da segunda, 4.000 da terceira, 8.000 da cuarta e 10.000 da quinta. A maiores, a infracción leve que supón deixar unha edificación sen finalizar comporta de entrada unha multa de 300 a 600 euros. A lei permite ao concello asumir as obras necesarias e pasar a factura ao propietario.

O alcalde considera que “unha vez que se pechou o proceso xudicial, que  afectaba aos membros da xunta de goberno, pero tamén á validez das propias licencias concedidas, cuxa nulidade estaba interesada no litixio, é o momento de actuar para protexer a contorna paisaxística do municipio”.

Froito deste “inxusto e arbitrario proceder da Xunta” e da crise inmobiliaria, a imaxe de Barreiros quedou fortemente prexudicada, “tanto desde o punto de vista paisaxístico, pero tamén a súa potente marca turística xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, asevera o rexedor. 

A intención do Concello é que nun ano non quede rastro dos esqueletos destes edificios inacabados que afean un municipio que era un dos referentes turísticos do norte de Galicia. O goberno local avanza que seguirá a traballar para que o turismo de xeito controlado, nun concello ao que o propio alcalde quería converter no Sanxenxo do norte, sexa unha fonte de dinamización económica do municipio e, polo tanto, de toda a zona, potenciando a súa desestacionalización.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16987609863281