O alcalde da Pontenova esixe á Xunta unha reforma urxente do colexio público

O CEIP Plurilingüe da Pontenova leva anos arrastrando graves problemas estruturais que afectan directamente á comunidade educativa. A caída parcial do teito da aula de 6º de Primaria o pasado decembro puxo de manifesto a urxencia dunha intervención que, segundo denuncian tanto a ANPA como o Concello, segue sen producirse catro meses despois.
O alcalde da Pontenova, Darío Campos, explicou que “as competencias son da Xunta de Galicia, porque non se trata dun simple mantemento, senón de acometer unha reforma estrutural. É un colexio con case cincuenta anos de historia, no que apenas se fixeron melloras significativas, máis aló dalgúns labores de mantemento puntuais”.
Campos subliñou que a situación do centro non é a máis axeitada para o alumnado, xa que non cumpre moitas das medidas de accesibilidade e presenta un importante deterioro estrutural derivado do paso dos anos. “Isto non é unha cuestión de darlle un lavado de cara, senón de abordar unha reforma integral. O Concello non ten competencias para asumir estas obras, polo que debe ser a Xunta quen actúe”, insistiu.
Desde a ANPA, a súa presidenta Iria Bermúdez lembra que ademais do incidente do teito, “desde hai anos existen filtracións no comedor que deterioraron as paredes”. Tras o desprendemento na aula de sexto, o alumnado foi trasladado a outra clase próxima á biblioteca, “pero é unha solución provisional que se está prolongando demasiado no tempo”.
A falta de actuación levou á ANPA a recoller máis de 400 sinaturas, xa entregadas na Xefatura Territorial de Educación en Lugo, esixindo unha resposta e solucións inmediatas. “Non pedimos un colexio bonito, senón un espazo seguro e saudable para os nosos cativos”, reivindica Bermúdez.
O rexedor amosou o seu apoio ás reivindicacións das familias: “A ANPA conta con todo o noso respaldo para reclamar á Xunta as reformas necesarias, porque a situación actual mesmo pode chegar a ser perigosa para os nenos e nenas”.
O centro conta actualmente con máis de cen alumnos matriculados e, segundo o alcalde, “leva anos medrando en número de estudantes”, polo que urxe unha intervención que garanta a seguridade e o benestar de toda a comunidade educativa.