O alcalde burelés anuncia "moitas obras de mellora nos dous primeiros trimestres"
O alcalde burelés anunciou que “imos realizar moitísimas actuacións no noso Concello nos dous primeiros trimestres do ano, que no seu conxunto van mellorar moitas cousas. Imos facer asfaltados, arranxo e recuperación de beirarrúas, pintado de edificios, mellora do pintado na sinalización de tráfico e melloras na Vila do Medio e noutras rúas como Mar Cantábrico. Imos facer o máximo posible en obras e que se note que Burela pode ser unha vila ben coidada para procurar un beneficio para os nosos veciños e veciñas, pero tamén que chamen a atención cando recibimos visitas de fora. Estamos dándolle ritmo para que, o antes posible, comecen as obras e procuraremos ter todo licitado xa, algunha incluso empezada, no mes de febreiro”.
Alfredo Llano engadiu que “outra das cousas que cremos que é importante para o pobo dado que crea unha expectativa de futuro enorme é a compra de solares de uso dotacional preto do Hospital. Esas conversas xa están perfectamente orientadas. Penso que hai un acordo en principio e imos concluír esa operación o antes posible para que no futuro próximo se poidan ver que tipo de obras se poden realizar alí sempre pensando nas cuestións sociais e públicas, que poidan beneficiar ao conxunto da poboación de Burela”.