O alcade de Burela di que "o alumeado de Nadal levarase a cabo estes días"
O alcalde, Alfredo Llano, rexeita as críticas vertidas desde a asociación veciñal O Vencello. O rexedor asegura que a colocación do alumeado de Nadal se levará a cabo estes días, que a árbore da praza do Concello xa foi acendida e que o Concello colaborará tamén con Ledicia para mellorar as carrozas da Cabalgata de Reis. Llano acusa ao Vencello de facer política e bota en falla que a asociación veciñal se preocupe por cuestións como a sanidade, a educación, a pesca ou o transporte e tamén que non organicen actividades para as veciñas e os veciños de Burela.
O rexedor dixo: “basicamente, sen entrar en grandes polémicas, quero aclarar e dicirlle á xente de Burela que vai haber luces do Nadal, que se van ir instalando en breve; hoxe por exemplo vanse poñer xa na rotonda de entrada desde Foz e nas demais zonas do concello iranse colocando e acendendo. De tal maneira que o vindeiro luns xa se vai apreciar perfectamente o alumeado do Nadal”.
Llano declarou este mércores: “con respecto a isto quero dicir varias cousas: unha delas é que recibimos unha carta aberta da asociación veciñal O Vencello e non creo que fixeran unha asemblea de socios para decidir o texto senón que haberá alguén responsable que debe asinala. É unha carta mal redactada e que emprega unha linguaxe de marujeo cutre e nótase que só busca a confrontación, aínda que o fai de forma moi infantil. Pero hai que saber quen se responsabiliza do texto porque hai persoas que traballan en estéreo, que tanto están na executiva de O Vencello como na da asociación de montes e entón posiblemente algunha persoa destas trata de esconderse para facer política de moi baixo nivel e moi cutre. En política hai que dar a cara para confrontar as ideas, pero non desta maneira, agochándose. Non é a primeira vez que fan isto e resulta un pouco decepcionante a asociación O Vencello porque non vexo que se preocupen da sanidade, nin da primaria nin a da área sanitaria da Mariña; nin da educación, sobre instalacións e profesorado; nin da EDAR de Burela, sobre a que podían mandar cartas por exemplo á Xunta de Galicia para que apuren esa obra; ou que organizaran algún foro para tratar da pesca, sobre o que hai unha preocupación grandísima no noso pobo, pero están calados; ou de vivendas sociais, ou do transporte, ou do tren e dos autobuses. Tampouco se ve que teñan ningún tipo de actividade cultural, recreativa ou deportiva. Ou sexa que non se lles ve practicamente ningunha actividade e non sei ata que punto están defendendo realmente aos veciños de Burela e facendo algo positivo por eles”.
Sobre o alumeado do Nadal o alcalde de Burela indicou que “din que non acendemos as luces de Nadal, para o que mandaron a carta o día 3 deste mes, expoñendo como se fora unha cuestión urxentísima colocar ese alumeado, cando realmente xa o día 2 se acendeu árbore de Nadal que se instala na Praza do Concello. Tamén se axudou a ACIA Burela a colocar os adornos que puxeron por todo o municipio, o que está moi ben. Polo tanto xa se fixo algo con esta cuestión. Pero nesa carta de O Vencello dan a entender que o principal e o máis urxente é colocar as luces do Nadal xa desde o 1 de decembro polo menos, sen darse conta de que fixemos un pleno precisamente o día 1 no que se decidiu por parte dos tres grupos da Corporación aplicar un plan de acción no cal se indica claramente que o aforro enerxético é vital para conseguir os obxectivos 2030 con respecto ao cambio climático e á mitigación dos efectos que pode causar. Por iso temos que ser conscientes e responsables e polo tanto hai que poñer luces de Nadal, pero ao mesmo tempo ser coherentes co noso pensar de establecer uns criterios para o aforro enerxético. Hai xente que quere que se acendan moi rápido as luces de Nadal, que haxa abundancia e un gasto enorme nesta iluminación en todos os pobos, cando realmente é máis importante que o alumeado público de todos os pobos poida estar garantido que funcione durante todo o ano, en vez de gastar excesivamente en cousas que despois poden ter repercusións nos servizos esenciais e vitais de cada Concello”.
Para Alfredo Llano “nesta carta métense directamente co equipo de goberno e din que temos o pobo a escuras, cando é ao revés. Polo tanto se queren facer política que dean a cara, que se vexa que é o que pretenden e por que”.
O rexedor subliñou que “as luces de Nadal imos telas acesas practicamente durante un mes, que penso que é un boa tempada, pero hai que ser coherentes e consecuentes. E axudamos moito á ACIA porque nos pediron colaboración e así o estamos facendo para esa colocación de adornos que está moi ben e que chaman a atención pola súa calidade e vistosidade. Axudámoslles na instalación e na conexión eléctrica, etcétera. Ademais o Concello está moi implicado na celebración do Nadal en Burela, para o que aporta unha boa cantidade económica para mellorar as carrozas dos Reis Magos, colaborando perfectamente coa asociación Ledicia para que leve a cabo unha gran cabalgata, con boas carrozas, reformadas este ano”.
Llano considera que “desde O Vencello parece que teñen unha intención clara de facer dano, pero realmente desde o Concello estanse facendo as cousas da mellor maneira posible, pensando sempre na economía integral e non vamos xerar un ambiente de Nadal excesivo a base de gastar cartos, cando subiu todo unha barbaridade. Con respecto ao ano pasado incrementouse moito o custe das luces de Nadal polos permisos de enganche, o traballo para colocar as luces e a propia iluminación. Ou sexa que hai que ter moito coidado e non comprometer o futuro económico nin dos servizos do Concello de Burela. Por esa razón procuramos facer as cousas ben”.
O rexedor seguiu a comentar: “non quero entrar en polémicas e que non se preocupe a xente de Burela polo alumeado do Nadal, que si vai haber, e estanse facendo tamén máis cousas para ter nestes datas un pobo atractivo e que sexa de orgullo para todos os veciños e veciñas e para que moita xente de fóra visite estes días o noso concello”.