O acceso á vivenda e a violencia machista, protagonistas da conmemoración do aniversario da Constitución

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A subdelegada presidiu o acto no que salientou o consenso social arredor dos valores democráticos que integran a Constitución española
acto-celebracion-constitucion
6 Dec 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu o acto institucional polo 46 aniversario da Constitución Española, destacando a importancia de protexer e desenvolver os dereitos fundamentais recollidos na Carta Magna, con especial énfase no acceso á vivenda e a loita contra a violencia machista.

Durante a súa intervención nun acto que reuniu a autoridades, representantes da sociedade lucense e veciñanza, Isabel Rodríguez subliñou que o artigo 47 da Constitución recoñece o dereito de toda persoa a unha vivenda digna e adecuada. “Este dereito non é un privilexio, senón unha necesidade fundamental para garantir unha vida digna”, afirmou.

Rodríguez sinalou que o Goberno está a traballar en medidas concretas para facelo realidade, como a regulación dos prezos do alugueiro en zonas tensionadas, o aumento do parque público de vivendas e a loita contra a especulación inmobiliaria. “Aínda queda moito por facer, pero avanzamos na dirección correcta con todas as administracións traballando na mesma dirección: un país onde ninguén quede atrás no acceso a un fogar digno”, engadiu.

Outro dos temas centrais do discurso foi a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra as violencias machistas. Rodríguez lembrou que 43 mulleres foron asasinadas no que vai de ano e 1.288 desde que se teñen rexistros. “Detrás destas cifras aterradoras hai vidas truncadas por unha violencia estrutural que interpela a toda a sociedade”, sinalou.

A subdelegada destacou as medidas que o Goberno está a impulsar para reforzar a protección das vítimas, mellorar a educación en igualdade e endurecer a lexislación contra os agresores. “A loita contra a violencia de xénero non é só unha prioridade política; é unha prioridade social e ética. A Constitución obríganos a garantir a vida, a liberdade e a seguridade de todas as persoas, sen excepcións”, subliñou, “e por suposto, baixo ningún pretexto, a metade da poboación somos unha excepción”.

Unha Constitución viva que responde os retos actuais

Rodríguez destacou a capacidade da Constitución Española para adaptarse aos tempos, citando como exemplo a recente reforma do artigo 49, que dignifica a linguaxe cara ás persoas con discapacidade. “Este cambio, froito do consenso e o diálogo, é unha mostra de que a Constitución segue sendo unha guía para afrontar os desafíos do presente e construír un futuro máis xusto”, apuntou.

A subdelegada tamén resaltou outros dereitos fundamentais recollidos na Carta Magna, como a sanidade pública ou a educación como motor de igualdade de oportunidades e a integración social, cunha especial mención tamén ás persoas refuxiadas. “A Constitución lémbranos que os dereitos non son palabras nun papel; deben converterse en realidades tanxibles para todas as persoas”, concluíu.

O acto, que concluíu coa interpretación dos himnos galego e nacional, serviu como homenaxe aos valores democráticos, de igualdade e de xustiza que inspiran a Constitución Española. Isabel Rodríguez chamou a renovar o compromiso con estes principios para seguir construíndo unha sociedade cohesionada, solidaria e máis igualitaria.

A Subdelegación do Goberno celebrou hoxe a conmemoración do 46 aniversario da Constitución cun acto que reuniu a máis dun centenar de autoridades e persoas convidadas, entre as que estaban o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o deputado e voceiro no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a vicepresidenta 1ª do Parlamento galego, Elena Candia; e o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga; entre outros.

0.16221117973328