O 9 de marzo terá lugar unha xeovisita á Frouxeira, en Foz
O 9 de marzo terá lugar a xeovisita á Frouxeira, en Foz, que estaba prevista para a última fin de semana de febreiro, pero foi aprazada por mor do mal tempo. A actividade está organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística.
Desde a Mancomunidade a xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, comentou que “a xeovisita programada pola Frouxeira, en Foz, para o pasado sábado, 24 de febreiro, que se tivo que cancelar por mor do mal tempo terá lugar o 9 de marzo, tamén sábado. Agardamos que nesta ocasión a climatoloxía nos acompañe”.
En febreiro, da man do xeólogo Iván Rodríguez, tivo lugar tamén a xeoruta da Marosa na que os asistentes descubriron a orixe hai 300 millóns de anos das rochas graníticas que conforman este treito da costa de Burela. No percorrido puideron ver as sinais dos procesos que as foron afectando desde aquela (fracturas e filóns de diversas composicións), e a densa rede de diaclasas que as fragmentaron durante o seu desenterramento desde a raíz das montañas nas que se formaron. Os participantes, chegados desde diferentes partes de Galicia, aprenderon os procesos que deron lugar ás espectaculares formas de meteorización que amosan: pías, tafonis e acanaladuras.
O programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que inclúe entre outras actividades estas saídas guiadas ou a formación en xeoturismo para guías e empresas de turismo activo, que recentemente tivo lugar en Burela, deu comezo o pasado mes de decembro.