O 8M de Viveiro inclúe un club de lectura, teatro, conferencias e un obradoiro

AMariñaXa
O 8M de Viveiro inclúe un club de lectura, teatro, conferencias e un obradoiro. E homenaxeará a Maruja Mallo
viveiro 8M cartel maruja mallo 1
3 Mar 2022

O Concello de Viveiro, xunto ao Centro de Información á Muller (CIM), informa dos detalles dos actos previstos para o Día Internacional da Muller, que se celebra o vindeiro martes 8 de marzo. Maruja Mallo será ademais protagonista dun ciclo de conferencias, co obxectivo de enxalzar a súa figura. 

“Con estas actividades buscamos sensibilizar a toda a cidadanía, con opcións para os máis cativos pero tamén para os adultos. Ademais, visibilizamos a figura da artista viveirense Maruja Mallo, referente nas artes e tamén na igualdade”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

Dunha banda, o club de lectura “En Feminino”, a cargo da actriz galega Estíbaliz Veiga, comezou o 23 de febreiro Día de Rosalía e desenvolverase en liña ata o mes de xuño 2022. 

O próximo sábado 5 de marzo, representarase a obra de teatro As que limpan da Compañía A Panadaría. A función será no Teatro Pastor Díaz ás 20:30 horas. Ademais, o martes 8 de marzo darase lectura ao manifesto na Praza Maior, ás 20:30. 

O Concello de Viveiro tamén programou o ciclo de conferencias Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX, que se celebrarán no Teatro Pastor Díaz. O ciclo inaugurarase o domingo 13 de marzo ás 19:00. 

Concretamente desenvolveranse as conferencias: De Viveiro ao mundo. Maruja Mallo a gran vangardista europea a cargo de Jose Luis Ferris, escritor e autor do libro “Maruja Mallo, la gran transgresora del 27”; e “Maruja Mallo, dende Viveiro ao Madrid Republicano”, a cargo de Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro e experto e biógrafo de Maruja Mallo.

O luns 14 de marzo estará en marcha o obradoiro “Educando na boa sexualidade”, dirixido ao alumnado dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro. A formación durará ata o mes de xuño. 

Ademais, os traballos do VII Concurso de Debuxo Escolar “Mamá traballadora” exporanse na Sala da Biblioteca Municipal ata o 18 de marzo. Doutra banda, os traballos do VII Concurso de Fotografía Amateur “Mulleres e traballos” estarán expostos nos comercios adheridos ao Casco Histórico de Viveiro, tamén ata o 18 de marzo 2022.

0.16571998596191