O 77 % dos centros educativos da provincia participa no Plan director para mellorar a seguridade

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Isabel Rodríguez resalta o “éxito consolidado”, con 8.957 participantes no primeiro trimestre de 2025
reunion-plan-director-seguridad-centros
8 May 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, resaltou o “éxito consolidado” que supón o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e a súa Contorna na provincia de Lugo, con 8.957 participantes no primeiro trimestre de 2025.

Na comisión provincial participaron o director de área de Alta Inspección de Educación, Xosé Lois García; o tenente coronel responsable do plan na Garda Civil e un dos formadores, Carlos Freire e Héctor Méndez respectivamente; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Marisa Castro; o secretario xeral da Subdelegación, Víctor Fraga; o delegado de participación cidadá da Policía Nacional e un formador do corpo, Rubén Darío Veiga e Iván García, respectivamente; a directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez e a Inspectora de Educación, Carmen Ferreiro.

Isabel Rodríguez presidiu a reunión de análise do programa, no que xa participaron nos tres primeiros meses do ano o 77% dos centros educativos da provincia – 147 de 191—, o que supón un incremento do 7,3% respecto ao mesmo período do exercicio pasado, cando presentaron solicitude 137 centros.

O número de participantes tamén se incrementou un 36,6% respecto ao primeiro trimestre do curso pasado. Entre xaneiro e marzo deste ano rexistráronse 8.957 participantes (7.910 estudantes; 558 familias; e 489 docentes) fronte aos 6.559 asistentes do mesmo período de 2024 (5.589 estudantes; 642 familias; e 328 docentes).

Entre xaneiro e marzo de 2025 leváronse a cabo 277 actividades en centros lucenses, 125 desenvolvidas pola Policía Nacional e 152 organizadas pola Garda Civil. Entre outras materias, realizáronse sesións sobre TIC e Ciberseguridade (85); sobre acoso e ciberacoso escolar (52); ou adiccións a substancias ou xogos (29). A violencia contra a muller, con 34 actividades, ou a prevención de delitos sexuais, con 14, foron outras das temáticas principais das actividades deste trimestre.

Durante 2024 houbo 740 actividades en 164 centros, con 27.875 participantes. Delas, destacan 188 que foron sobre TIC e ciberseguridade; 128 sobre adiccións; 54 sobre violencia contra a muller; e 158 sobre acoso e ciberacoso escolar.

Isabel Rodríguez sinalou os beneficios do Plan Director para alcanzar a sensibilización e formación sobre os riscos das novas tecnoloxías, a xestión da intimidade e a seguridade nas redes sociais, e concienciar sobre a importancia da educación en igualdade.

A subdelegada agradeceu tamén a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en labores formativos así como o interese mostrado pola comunidade educativa.

⚙ Configurar cookies
0.160884141922