O 4, 5 e 6 de agosto celébrase unha nova edición de Produart en Burela
O 4, 5 e 6 de agosto celébrase unha nova edición de Produart en Burela na nave de redes do peirao burelés con entrada gratuíta. Unha feira que ten como obxectivo achegar o artesanal e sostible aos consumidores.
Trátase de dar visibilidade a produtores e comerciantes da nosa comarca e puntos colindantes cos seus produtos de calidade, innovadores e ecolóxicos.
Grazas á Fundación Expomar, os asistentes acodirán a obradoiros e conferencias así como terán acceso a actividades infantís.
Polo momento non está definido o programa para esta edición pero manterá unha liña parecida aos anteriores anos, unha disertación sobre o patrimonio da costa lucense, demostracións e obradoiros en directos.
Produart é unha plataforma de exposición comercial-feiral que tenta poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca, e doutras lindeiras, así como doutros puntos do estado español, desde a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio.
Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, Produart é o fiel reflexo dos valores da sustentabilidade dos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural. Así, desde esta plataforma búscase o desenvolvemento dos sectores relacionados con outra forma de produción non agresiva: a ecolóxica e a artesanal.
Dende a organización buscan promover entre os visitantes as ideas de sustentabilidade e de respecto á contorna, servindo ademais como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e apostar por estas maneiras de vida.