O 24 de xuño comeza unha nova edición do programa de verán 'Cervo concilia'
O Concello de Cervo programa para este verán unha nova edición do programa 'Cervo Concilia', que arrancará o luns 24 de xuño.
Este programa, que está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, componse dun completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para entreter ás crianzas neste tempo de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias.
Estenderase durante todo o período de vacacións escolares, en horario de 8.30 a 14.30 horas e as inscricións están a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello. O prazo para anotarse remata o 20 de xuño.
Tal e como apunta a rexedora, Dolores García Caramés: “cremos que este programa, que está máis que consolidado xa no noso Concello, supón un apoio moi grande ás familias, axudando tanto a pais como a nais a conciliar a vida familiar e laboral nestas datas nas que moitas veces non é nada doado. Ademais, dotamos ás crianzas dunha gran variedade de actividades multidisciplinares nas que poder entreterse e aprender, ao mesmo tempo”.