O 20 de maio celebrarase en Burela o XIII Encontro de Palilleiras
O 20 de maio celebrarase en Burela o XIII Encontro de Palilleiras, que organizan a asociación cultural e artesanal As Encaixeiras e o Concello.
O alcalde, Alfredo Llano, explicou que “se celebrará a décimo terceira edición do Encontro de Palilleiras o día 20 de maio e van participar, segundo dixo a presidenta, máis de 600 persoas, polo que vai ser moi numerosa, como en anos anteriores. E hai unha cuestión moi curiosa, que vai participar palillando unha señora que ten 105 anos. Isto é algo singular e rechamante e indica o importante que é este tipo de arte para moita xente”.
O rexedor contou que “vai haber exposicións, obradoiros e actos importantes e singulares na nave de redes. Queremos motivar a todo o mundo para que acuda ese día a visitar o que organizan As Encaixeiras e desde logo quedar sorprendido porque é algo moi agradable de ver e difícil de realizar”.
Llano engadiu que “vai ser un día importante para Burela dado que, derivado dese encontro, teñen moitas actividades paralelas nas que lle dan importancia ao conxunto do concello”.