O 18 de xaneiro será o Guateque de Arruguiñas en San Cibrao
O Concello de Cervo ten o pracer de anunciar a celebración do primeiro Guateque de Arruguiñas do ano 2025, unha actividade pensada para promover o encontro e a diversión entre as persoas maiores da nosa comunidade. Este evento terá lugar o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, na Casa do Mar de San Cibrao, a partir das 20:00 horas.
A velada estará amenizada polo dúo musical Caramelo, recoñecido pola súa capacidade para crear un ambiente alegre e animado con éxitos de todas as épocas, garantindo que todos os asistentes poidan desfrutar dunha noite inesquecible ao son da música.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración da Asociación de Xubilados Terramar, que une esforzos co Concello de Cervo para organizar actividades que favorezan a participación social e o entretemento das persoas maiores.
Convidan a todos os veciños e veciñas a participar nesta celebración, pensada para pasar un bo rato en compañía, compartindo risas, bailes e boa música.