Investigadores de catro países debaten en Barreiros sobre os desafíos da alimentación sostible

O Concello de Barreiros acolle desde este luns, 9 de xuño, a VIII Reunión Científica Internacional da Cátedra Unesco de Alimentación, Cultura e Desenvolvemento, organizada pola Universitat Oberta de Catalunya, xunto coa 49ª edición do mitin da International Commission on the Anthropology of Food and Nutrition (ICAF). Unha trintena de expertos de España, Portugal, Brasil e México reúnense na casa consistorial para afondar nas relacións entre comida, territorio e identidade nun contexto global marcado pola crise climática.
O encontro, baixo o lema “Paisaxes alimentarias: territorios e identidades sustentables”, reúne a especialistas que analizarán temas tan diversos como o impacto do cambio climático nos montes comunais galegos, as prácticas hortícolas con perspectiva de xénero, a cultura alimentaria dos peregrinos, ou as tensións sociais ligadas ao consumo e á distribución urbana.
A sesión inaugural celebrouse ás 9.00 horas no propio Concello barreirense e contou coa presenza de F. Xavier Medina, presidente de ICAF Internacional; David Conde Caballero, presidente de ICAF España-Portugal; e Elena Freire Paz, profesora da USC e integrante do comité organizador. Acompañáronos o deputado provincial Daniel García, da área de Medio Rural, Mar e Mocidade, e a alcaldesa Ana Ermida Igrexas, que salientou a importancia de acoller un encontro “que vincula coñecemento académico, territorio e cultura desde unha óptica crítica e transformadora”.
Durante as xornadas abordaranse cuestións como o papel da gastronomía na construción de identidades nacionais, a etnografía do pastoreo, a fame cultural derivada de desastres naturais ou o reparto de comida a domicilio nas cidades como síntoma de transformacións sociais profundas. Tamén se reflexionará sobre os vínculos emocionais e simbólicos cos alimentos e as paisaxes onde se producen.
A Mariña terá un protagonismo especial grazas á intervención de Lucas Requejo, do proxecto PRATO_DO, que presentará “A Mariña Lab”, unha proposta de laboratorio social para reimaxinar o territorio desde a alimentación.
A programación completarase o martes, 10 de xuño, cunha visita á praia das Catedrais, en Ribadeo, e un percorrido polo conxunto industrial de Sargadelos, no concello de Cervo, ademais dun paseo pola cidade monumental de Mondoñedo. A comarca tamén estará presente a través dunha visita á DOP e IXP da Faba de Lourenzá, unha cata de mel e un encontro co Colectivo Gastronómico da Mariña, que porá en valor a riqueza agroalimentaria e a diversidade cultural da zona.