Novos mariñeiros listos para embarcar en Burela tras completar un curso de seguridade marítima

A Confraría de Pescadores de Burela vén de pechar con éxito unha nova edición do curso de Formación Básica en Seguridade Marítima, unha iniciativa que permite aos participantes dar os primeiros pasos cara ao embarque profesional no sector pesqueiro.
O curso, financiado integramente polo Instituto Social da Mariña (ISM), contou con alumnado procedente de Burela e tamén da ONG Rescate, e foi deseñado para garantir que os futuros mariñeiros e mariñeiras dispoñan dos coñecementos imprescindibles para navegar con seguridade.
Desde a confraría agradecen expresamente a colaboración e disposición do ISM, subliñando que esta acción formativa constitúe unha ferramenta clave para asegurar o futuro do sector. “Estamos a apostar claramente polo relevo xeracional —explican desde a entidade—. Esta formación non só abre portas laborais ao alumnado, senón que tamén beneficia directamente á nosa flota, que precisa xente nova para saír ao mar”.
O curso incluíu contidos teóricos e prácticos centrados na prevención de riscos a bordo, actuacións ante emerxencias, primeiros auxilios, supervivencia no mar e loita contra incendios, entre outros aspectos fundamentais para o traballo nos barcos.
Rematada a formación, todo o alumnado está xa en disposición de incorporarse ao mundo laboral mariñeiro, cubrindo así unha necesidade urxente de tripulacións en moitas embarcacións da Mariña lucense.