Novembro e decembro acollerán a segunda edición de Reinicia Ribadeo
A Concellaría de Desenvolvemento Local desenvolverá a segunda edición de Reinicia Ribadeo, o programa de transformación dixital para as empresas e autónomos locais, sen custe económico para todos eles.
Este proxecto divídese en dúas liñas, por un lado en impartir cursos prácticos de formación e por outro en asesoramento individualizado. Trátase sempre dun programa totalmente personalizado, que se levará a cabo durante o mes de novembro e parte de decembro, e que servirá ademais, segundo pretendemos, para que as empresas locais poidan dar un impulso á campaña de Nadal. Trataranse temas como a identidade corporativa, as redes sociais, o comercio electrónico ou a fidelización de clientes.
As persoas e as empresas beneficiarias recibirán formación sobre a área que consideren ou que se vexa máis relevante para o seu negocio, en grupos divididos de acordo co seu nivel de coñecementos e sempre que sexa posible organizados por sectores de actividade. A convocatoria está aberta a todas as persoas autónomas e pequenas empresas asentadas en Ribadeo, con independencia da súa actividade, e sen ningún custe económico para elas.
As bases desta convocatoria están dispoñibles na web do Concello de Ribadeo. O prazo de inscrición está aberto ata o 4 de novembro e aquelas persoas ou empresas que estean interesadas nesta convocatoria poden dirixirse ao Concello consultando na súa web, por teléfono no 982 128 650 ou dirixíndose directamente ao departamento da Concellaría de Desenvolvemento Local.