Novas queixas veciñais en Ribadeo por desleixo en espazos públicos

AMariñaXa
Critican a falta de mantemento nas papeleiras do Cargadoiro, os riscos no parque infantil de San Miguel e o abandono da rúa Baixada á Cabanela
mal-estado-ribadeo-sitios-diferentes-2025-mayo
6 May 2025

Varios veciños e veciñas de Ribadeo volveron alzar a voz para denunciar situacións de abandono e falta de atención por parte do Concello en distintos puntos do municipio. As críticas refírense ao estado de conservación de espazos públicos que, segundo indican, presentan deficiencias que levan semanas sen resolverse.

En primeiro lugar, sinalan a acumulación de lixo nas papeleiras da zona do Cargadoiro. “Xa o denunciamos o 26 de abril, levaban semanas sen recollerse e, lonxe de solucionar o problema, retiraron unha das papeleiras sen repoñela nin baleirala”, afirman con indignación.

Tamén reiteraron a súa preocupación polo estado do parque infantil de San Miguel, que permanece pechado parcialmente con valado. “Os barrotes da varanda seguen rotos, xa o advertimos anteriormente pero o Concello fai ouvidos xordos. Estamos ante unha imprudencia grave que podería ter consecuencias tráxicas se un neno sofre unha caída”, explican.

Por último, denuncian a situación da rúa Baixada á Cabanela, onde a maleza invade os laterais da calzada. “A vexetación medra sen control, parece unha selva, e isto dificulta o paso e crea sensación de abandono”, comentan.

Os veciños esixen ao goberno municipal que actúe con urxencia para corrixir estas deficiencias e garantir a seguridade e o benestar da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.15483713150024