Novas confirmacións para o X Festival Aturuxo de Ourol
A Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos informou das bandas confirmadas para o X Festival Aturuxo que este ano se celebrará o 29 e 30 de xullo.
A primeira delas foi A banda da Loba, un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo no que mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular.
Os Festicultores Troupe, amosarán o seu show alegre e fresco con moito humor e cheo de positividade. Machina levará a súa música hardcore e metal dende Cerceda a Ourol.
Outro dos espectáculos que estarán nesta gran festa será Pesdelán, que mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.
Peter Punk achegará o seu carácter cómico coa palabra e, por suposto, con todos os aparellos que vai sacando da súa maleta. Un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares, no cal a complicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público.
Pulpiño Viascón é un polifacético artista que forma parte dos Diplomáticos de Monte Alto. Despois do seu éxito en grupos previos, trae agora unha animacións de rúa itinerantes para todos os públicos. Ademais conta cun serrucho máxico e un adorable paxaro títere estarán presentes nun show inesquecible para quen o presencie.
Rebeliom do Inframundo son un grupo de rap en galego con orixe en Ponteareas e con sede en Vigo.
O obxectivo do Festival Aturuxo de Ourol é poñer en valor a cultura galega pois cada edición desta cita reúne a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional.