Nova traiñeira para o Club de Remo de Celeiro grazas ao apoio da Deputación de Lugo

O Club de Remo de Celeiro conta desde agora cunha nova traiñeira de banco fixo, grazas ao apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegou unha subvención de 12.000 euros para a súa adquisición. A embarcación, construída en fibra de carbono, destaca pola súa lixeireza e durabilidade, cunha eslora de 9,5 metros e unha manga de 1,22 metros, características que a fan ideal para a práctica deportiva.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o deputado de Mar e Mocidade, Daniel García, visitaron as instalacións do club en Celeiro para coñecer de primeira man o novo equipamento. Acompañáronos tamén as concelleiras do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez e Iria Cotelo. Durante a visita, os representantes provinciais destacaron o labor da entidade “por manter viva a tradición do remo nunha ría con tanto legado mariñeiro”, e subliñaron o valor dun grupo “interxeneracional, unido polo respecto ao mar e a paixón por este deporte”.
O Club de Remo de Celeiro está formado por máis de cincuenta deportistas de todas as idades, desde a categoría infantil ata veteráns, e mantén unha actividade continua centrada na formación e difusión do remo como disciplina deportiva e elemento de identidade local.
A Deputación puxo en valor o esforzo que supón manter un club náutico deste tipo, especialmente por ser o único de banco fixo en toda a provincia. “Queremos priorizar proxectos que manteñen viva a nosa cultura mariñeira, e Celeiro é un exemplo de compromiso e continuidade”, afirmou Efrén Castro.