Nova mobilización no Hospital da Mariña tras a retirada dunha faixa artística crítica coa situación sanitaria

AMariñaXa
Persoal e pacientes denuncian un intento de “invisibilizar a protesta” mentres continúan a reclamar melloras na atención e medios suficientes para o centro de Burela
Cig-saude-faixa-non-artistica-hospital-burela-2025
21 May 2025

As mobilizacións no Hospital da Mariña, en Burela, non dan tregua. Profesionais da sanidade e persoas usuarias volveron concentrarse este martes ás portas do centro sanitario tras a retirada, sen explicacións oficiais, dunha faixa artística que fora colocada na varanda do edificio como acto simbólico de denuncia da situación crítica da sanidade na comarca.

A obra, elaborada en pano negro con mensaxes alusivas á precariedade e á vulnerabilidade dos e das pacientes, tiña como obxectivo visibilizar os efectos das carencias estruturais e humanas no centro, especialmente as derivacións forzadas de doentes a Lugo e os atrasos nas atencións. Con todo, a dirección do hospital ordenou a súa confiscación poucas horas despois da súa instalación, sen ofrecer, segundo denuncian os convocantes, ningunha comunicación oficial nin sobre as razóns nin sobre o paradoiro da peza.

Desde a organización das protestas cualifican a decisión como “un acto sen precedentes de censura e represión que pretende silenciar unha protesta lexítima, artística e pacífica”. Ademais, anuncian que esta actuación non deterá a loita pola sanidade pública: “A represión non calará as voces dos profesionais nin das persoas enfermas que defenden unha atención digna e próxima, dende A Mariña e para A Mariña”.

As mobilizacións no hospital veñen producíndose dende hai semanas a causa da falta de persoal, medios e recursos, tanto no centro de Burela como nos demais puntos sanitarios da comarca. Denuncian, entre outros problemas, que profesionais marchan por contratos precarios e por condicións laborais que impiden unha atención adecuada. Sinalan tamén a falta de cobertura de prazas fundamentais, como técnicas auxiliares de Enfermaría no paritorio, persoal de fisioterapia en centros de saúde ou técnicos e técnicas de Farmacia, a pesar de que “hai profesionais nas listas de contratación e a administración non os chama”.

Durante a protesta deste martes, volvéronse ler lemas como “Derivar é maltratar”, “Humanizar non é trasladar”, “Responsables dimisión” ou “A asistencia sanitaria non está garantida”, xunto cunha das principais reclamacións recorrentes dende o comezo das mobilizacións: a recuperación da área sanitaria propia da Mariña, suprimida hai uns anos, que consideran clave na actual situación de desmantelamento da atención pública na zona.

Desde o colectivo organizador advirten que continuarán con accións contundentes, combinando expresión artística, denuncia social e mobilizacións continuadas “ata que se garanta unha sanidade pública de calidade, estable e próxima para toda a veciñanza da Mariña”.

⚙ Configurar cookies
0.16068291664124