Nova mesa de seguimento do acordo de Alcoa cos seus traballadores

AMariñaXa
Este mediodía foi convocada en Madrid unha nova reunión da mesa de seguimento do acordo asinado por Alcoa cos seus traballadores.
vista aerea alcoa san cibrao
20 Xan 2022

O Goberno axilizará os trámites dos parques eólicos necesarios para a volta da actividade da planta de San Cibrao

Entre hoxe e mañá venres está previsto que queden apagadas as cubas de electrolisis da fábrica de aluminio de San Cibrao, polo que o estado español deixará de producir aluminio primario nos dous próximos anos. Aínda que se mantén a produción do secundario a partir da refundición.

Este mediodía, a partir das 13.00 horas, foi convocada en Madrid unha nova reunión da mesa de seguimento do acordo asinado por Alcoa cos seus traballadores.

O comité foi con ganas de saber como se constituíu o depósito de 103 millóns de dólares para realizar as futuras inversións que permitan actualizar a fábrica de cara o reinicio da actividade en 2024, e sairon segundo o presidente do comité de empresa José Antonio Zan, "contentos de saber que o diñeiro está metido nun banco serio como é o BBVA e poderemos ter acceso á conta para verificar o diñeiro que hai nela".

Así mesmo, "pediuse que un auditor verifique as inversións que teñen e que se comprometeron a facer", dixo Zan, por outra banda "necesitamos que sexa claro que nas contratas non se pode facer despedimentos e senón non terán os apoios económicos", e por último na parte das PPAs "están traballando os Ministerios e a Xunta para estos trámites conxuntamente para que podan funcionar canto antes".

Co cesamento da actividade de electrolisis comeza unha nova etapa para os traballadores, que durante este parón continuarán co seu calendario habitual a quendas e encargaranse de distintas tarefas de limpeza e mantemento das instalacións, especialmente para a preparación do rearranque e á chegada dos investimentos comprometidos pola directiva estadouniense.

Os operarios destes departamentos tamén farán accións formativas en seguridade, procedementos de traballo ou manexo de equipos móbiles, ademais de para a reactivación das series.

GOBERNO CENTRAL

Pola súa banda, o Goberno comprometeuse na reunión a axilizar as autorizacións necesarias para a posta en marcha dos parques eólicos necesarios para que Alcoa poida volver á súa actividade o 1 de xaneiro de 2024, tras asinar con diferentes empresas eléctricas a subministración enerxética a prezos competitivos.

O Goberno pedirá á Xunta de Galicia que facilite estas autorizacións no ámbito das súas competencias. Queda pendente que Alcoa identifique os proxectos eólicos para axilizar os trámites, tras a firma de contratos bilaterais coas eléctricas. Ata o momento só anunciou pre acordos con dous delas.

O Ministerio de Industria anunciou a intención de contratar unha asesoría técnica especializada que axude a verificar a execución dos acordos alcanzados entre Alcoa e os traballadores. Ademais, lembrou a súa disposición para explicar á empresa as diferentes liñas de axudas públicas estatais para os futuros investimentos na planta de aluminio.

Por último, desde o Ministerio informouse dos procesos xudiciais abertos para recuperar os fondos de axudas ao CO2 que Alcoa cobrou e que debe devolver ao non manter a actividade nin o emprego.

XUNTA

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, asistiu esta mañá en Madrid á comisión de seguimento de Alcoa. Durante a reunión, a representante da Xunta de Galicia lamentou que España deixe de producir aluminio primario -tras a paralización da produción en Alcoa San Cibrao- pola falta dun prezo eléctrico competitivo que si existe noutros países europeos.

Desde a Administración galega insistiuse na necesidade de que o Goberno asuma a súa responsabilidade e poña sobre a mesa as medidas necesarias para contar cun prezo eléctrico que dea seguridade ás empresas electrointensivas, como Alcoa, e lles permita competir en igualdade de condicións que o resto de países europeos.

O Goberno galego ofreceu a máxima colaboración para reactivar as cubas o máis axiña posible, sen ter que agardar a 2024. Así, vaise introducir un artigo na Lei de áreas empresariais para que teñan prioridade na tramitación as compañías que constrúan parques eólicos na Comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía. Neste sentido, a colaboración do Goberno central é indispensable, pois é quen se encarga da tramitación das instalacións que superan os 50MW.

Unha medida que terá que acompañarse doutras actuacións que son competencia directa do Estado, como os custos regulados dos impostos, as compensacións de CO2 ou as poxas de interrompebilidade. Por todo isto, Uría defendeu a necesidade de que exista unha implicación real por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xa que do seu departamento depende contar cun marco regulatorio estable.

A Xunta manifestou de novo o seu apoio expreso aos traballadores, agardando que Alcoa tamén cumpra cos investimentos comprometidos e estableza un cronograma de actuacións que achegue certeza e estabilidade aos empregados, á industria auxiliar e á Mariña de Lugo.

0.13118100166321