Nova manifestación en apoio ao comité de Vestas
O Concello de Viveiro anima a todos os veciños e veciñas de Viveiro e da comarca a apoiar a manifestación que os traballadores de Vestas levarán a cabo o sábado 2 de outubro, ás 12:00 horas, saíndo da Rotonda da Misericordia ata chegar á Praza do Concello.
O goberno local recorda que a comarca da Mariña leva moito tempo asistindo a un grave desmantelamento industrial, coa conseguinte perda de emprego e de proxectos de futuro. Polo tanto, faise necesaria a mobilización e implicación de todos e todas para lograr que a empresa reconsidere a súa decisión de peche ou, no seu caso, que se busquen solucións alternativas.
O Concello de Viveiro recorda que non se pode permitir que unha empresa que ten beneficios, que é produtiva e que recoñece o traballo dos seus empregados e empregados da planta de Viveiro, que son un exemplo para todas as plantas que a empresa ten no resto do mundo, anuncie o seu peche.
Polo que se fai necesario que as administracións, tanto a Xunta de Galicia, en materia do ERE e de industria, como o Ministerio de Industria, fagan todo o posible para evitar o peche desta empresa e que isto non sexa outro sume e segue á grave á situación que estamos a vivir coa multinacional Alcoa e á desindustrialización que estamos a sufrir nos últimos anos.
O peche de Vestas afectaría a un total de 115 empregos directos e suporía un agravamento da situación da industria e do emprego non só na Mariña, senón tamén en moitos concellos próximos da comarca de Ortegal.