Nova etapa para o PSOE do Vicedo con Silvia Pigueiras á fronte da dirección local

A agrupación local do PSdeG-PSOE do Vicedo celebrou o pasado sábado, 28 de xuño, unha asemblea para renovar os seus órganos de dirección. A nova executiva foi aprobada por unanimidade e supón o inicio dunha nova etapa no socialismo local, caracterizada por un equipo que combina experiencia e renovación, e que se marca como obxectivo prioritario traballar polo benestar da veciñanza.
Ao fronte da dirección estará Silvia Pigueiras, elixida como nova secretaria xeral, quen expresou o seu compromiso cun proxecto “próximo á xente, que escoite e defenda os intereses de cada parroquia, porque cada recuncho conta e O Vicedo somos todas e todos”.
Lucía Prieto asumirá a Secretaría de Organización, sendo a persoa de máxima confianza de Pigueiras nesta nova andaina. A estrutura complétase con cargos en áreas estratéxicas como Política Municipal, Turismo, Servizos Sociais, Emprego ou Igualdade, co obxectivo de dar resposta ás diferentes necesidades da cidadanía.
A agrupación acordou tamén nomear a Luis Lozano Pedreira como presidente de honra, en recoñecemento á súa dilatada traxectoria de servizo público e ao seu compromiso histórico co socialismo local.
Ademais, José Ramón García Varela foi escollido como delegado para representar ao Vicedo no Comité Provincial do PSdeG-PSOE.
A nova executiva afirma que afronta esta etapa con ilusión e responsabilidade, cun proxecto centrado na escoita activa, na participación e na defensa dos valores de igualdade, xustiza social e progreso compartido.