Nova campaña de sensibilización sobre o cambio climático en Viveiro
Viveiro está a desenvolver unha campaña de sensibilización sobre o cambio climático e a defensa do medio ambiente baixo o proxecto Viveiro sustentable. A primeira campaña desta iniciativa consistiu nun programa de compostaxe doméstica, na que están involucrados os centros educativos do municipio, que pretenden apoiar desta forma os seus programas de fomento de alimentación saudable.
Realizouse unha visita aos colexios e instituto participantes utilizando un vehículo sostible, un patinete eléctrico. Deste modo, o Concello quería minimizar a súa pegada ecolóxica para dar exemplo.
As visitas comezaron no IES María Sarmiento, onde están aproveitando o compost para facer xardineiras e plantar árbores, mellorando así as zonas verdes do centro.
A continuación, foi o turno do CEIP Plurilingüe de Covas onde están preparando un programa de alimentación saudable e queren axudarse do seu composteiro para que sexa un éxito.
Doutra banda, no CEIP Luis Tobio teñen unha experiencia previa coa compostaxe e están aproveitando o programa para promover hábitos saudables entre o alumnado. Este centro ten un gran horto cheo de vida.
O último centro visitado foi o CEIP de Galdo, que conta con dous composteiros, un deles fronte a cociña, facilitando a xestión dos residuos orgánicos do comedor. Contan con dous hortos, un na parte superior da parcela que usan os máis pequenos e outro a carón dun pequeno invernadoiro. Este último é xestionado polo alumnado alimentándoo cos restos das merendas.
Tras as visitas aos centros educativos, o Concello de Viveiro realizou un vídeo que recolle as diferentes propostas do alumnado no marco do proxecto Viveiro Sustentable.
Toda a cidadanía de Viveiro pode sumarse de forma gratuíta a este programa de compostaxe. Para participar é necesario completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675 507 832.
O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño do Concello, ter un pequeño xardín ou terreo e estar disposto e motivado para formar parte deste proxecto educativo e formativo.