No castelo de Castrodouro en Alfoz resoará a música medieval o 15 de setembro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
23 Ago 2019
O Concello de Alfoz fará posible que outra vez en datas próximas a contorna do castelo de Castrodouro vibre cos sons propios da Idade Media grazas a un concerto de música medieval que terá lugar o día 15 de setembro e a unha exposición itinerante de instrumentos musicais dos séculos XII e XIII, da área de cultura da Deputación de Lugo, que leva por título 'O son do tempo'.
O concerto comezará ás 19.00 horas na igrexa do Castro, ao lado do Castelo.
A Deputación de Lugo e o seu Centro de Artesanía e Deseño, Centrad, ocúpanse do estudo e difusión de música medieval grazas ao programa denominado O son do Tempo que xa percorreu numersoso concellos, dos 67 da provincia, cos intérpretes de Lucus Ensemble.

Na Capela de Santa María de Lugo, a Deputación inaugurou en abril unha exposición temporal que estará aberta ata o 25 de agosto e que recolle unha boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII. Entre as pezas destacan un organistrum, unha zanfona e violas.

O Executivo Provincial promove varias iniciativas para poñer en valor e achegar á cidadanía estas pezas musicais, que foron creadas no obradoiro de instrumentos musicais do Centrad, que impulsou o Goberno da Deputación na pasada anualidade.

Paralelamente a esta mostra, organizáronse oito actuacións de música medieval da man do Grupo Lucus Ensemble en lugares históricos dos concellos Concellos de Lugo, Antas de Ulla, Monforte de Lemos, Portomarín, O Saviñao, Castroverde, Viveiro, Alfoz e Lugo. As datas e o lugares dos concertos que quedan dentre os oito planificados son o de Alfoz, o 15 de setembro na Igrexa do Castro, ás 19:00 horas e o de Lugo, o 13 de outubro na Catedral, ás 17:00 horas.

Na mostra 'O Son do Tempo' pódense contemplar unha selección de instrumentos medievais construídos no Centrad que abrangue pezas de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en preto de iconografía musical.

O Goberno da Deputación é pioneiro na recuperación de instrumentos medievais, grazas ao traballo coordinado entre artesáns, organólogos, historiadores de arte e músicos que se ven desenvolvendo no Obradoiro Instrumentos musicais dende fai anos.

A deputada de Cultura, Pilar García, destacou que “nesta mostra pódense contemplar boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII”. Pilar Porto tamén avanzou que “para poñer en valor estes antigos instrumentos e achegalos á cidadanía os seus sons poderanse escoitar na Catedral de Lugo, a Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ou na Igrexa de Santa Mariña entre outros lugares da man do recoñecido grupo de cámara lucense Lucus Ensemble”.

A exposición estará aberta ao público ata o 25 de agosto en horario de luns a venres de 10:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 horas. E os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

Dende o Centro de Artesanía e Deseño e a Colección e Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación iniciouse un traballo para a actuación integral na formación de intérpretes e reconstrucións históricas para a súa promoción en Galicia, creando unha pequena colección de instrumentos medievais destinada ao préstamo temporal a músicos profesionais que queiran achegarse, ou aportar a súa experiencia na interpretación deste legado cultural dentro das súas xiras internacionais.

Os sons destes antigos instrumentos medievais poderán ser apreciados pola cidadanía  nos oito concertos de música medieval que terán lugar ata outubro. Realizaranse en edificios e lugares con relevante patrimonio histórico como a Catedral de Lugo, a Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ou a Igrexa de Santa Mariña, entre outras.

Músicos de recoñecido prestixio como é o Grupo lucense Lucus Ensemble, un dos principais referentes da música de cámara da provincia será o encargado destas actuacións musicais. Este grupo está formado por trece compoñentes (once instrumentistas e dous vocalistas), e goza dun prestixio gañado a pulso ao longo dos case cinco anos da súa existencia, e dos seus múltiples concertos e repertorios diferentes.

Os instrumentos que se cederán por parte da Deputación para estes concertos son: unha zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha Giga. Algúns deles creáronse no Obradoiro de instrumentos musicais do Centrad que impulsou a Deputación na pasada anualidade.

 

 

0.19877290725708