Nava Castro pon en valor o turismo sostible da Mariña lucense como impulsor económico da comarca

AMariñaXa
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o valor do turismo na Mariña lucense como impulsor económico da comarca
turismo sostible foro think tank
27 Maio 2022

Destacou o camiño do Norte como un dos mellores escaparates do patrimonio e da historia de Galicia ao tratarse dunha das rutas de peregrinación máis antigas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o valor do turismo na Mariña lucense como impulsor económico da comarca, no marco do I Foro Think Tank Turismo, que tivo lugar por vez primeira en Ribadeo coa finalidade de aunar e potenciar a actividade económica en sectores estratéxicos da provincia de Lugo, no marco da iniciativa Conecta Lugo, que impulsa o Goberno galego.

Na súa intervención, Nava Castro indicou que o Xacobeo é un dos motores da recuperación económica de Galicia e que o Camiño de Santiago é agora unha das mellores opcións para quen busque seguridade e certeza. A directora de Turismo de Galicia destacou o turismo de excelencia, a innovación e a cada vez maior profesionalización do sector, como os eixes que están a permitir avanzar no desenvolvemento dun tecido turístico moderno e competitivo. Neste sentido, Castro fixo especial fincapé na sostibilidade como elemento transversal de todas as iniciativas que se están a desenvolver por parte da Xunta para a consecución destes obxectivos.

Destacou o Camiño do Norte como un dos mellores escaparates do patrimonio e da historia de Galicia ao tratarse dunha das rutas de peregrinación máis antigas,  declarado Patrimonio Mundial da Unesco. No que vai de ano pasaron 2.500 peregrinos por esta ruta, que conta xa con 10 albergues da rede pública galega con 405 prazas a disposición dos camiñantes.

Nava Castro reiterou que dende a Xunta “apostamos por un modelo de turismo que se blinda e que ofrece seguridade e calidade. Un modelo que fuxe das masificacións e que aposta por fórmulas tranquilas que combinan natureza e descanso como temos na Mariña Lucense, un dos enclaves privilexiados cos que conta Galicia”.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que a nosa comunidade “é unha comunidade cun potencial turístico que, debido á súa diversidade de ofertas, non ten parangón”. Neste senso, destacou a enorme oferta cultural que oferta a Mariña Lucense, dende a Ponte do Pasatempo, o castelo da Frouxeira, a catedral de Mondoñedo ata a praia Das Catedrais.

Así, salientou o traballo realizado dende a Xunta de Galicia a través do Plan de Sostenibilidade Turística, mediante o cal búscase a implantación de estratexias encamiñadas ao desenvolvemento e mellora dos destinos turísticos baseadas na calidade e a excelencia. Gracias a este plan, o  territorio da Mariña Lucense recibirá 2.3M€.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que o éxito da iniciativa -que completou o aforo dispoñible- “pon de manifesto a vontade dos empresarios do  sector por mellorar e ser máis competitivos”.

Gabou “a fórmula das mesas de traballo, áxil e interactiva, que permitiu que os asistentes puideran consultar as súas dúbidas e debater sobre temas de interese común, como as liñas de axuda, o contexto socioeconómico ou os retos de futuro”.

0.088653087615967