Natureza e festa predominan nas actividades socioculturais do Vicedo para este mes

TerraChaXa | AMariñaXa
Vense de publicar a programación sociocultural prevista para este mes de xullo e está dominada polos xa habituais Mércores de natureza, xa que hai un total de 5 actividades de natureza ao longo do mes.
29 Xuño 2019

Vense de publicar a programación sociocultural prevista para este mes de xullo e está dominada polos xa habituais Mércores de natureza, xa que hai un total de 5 actividades de natureza ao longo do mes.
Concretamente o 3 de xullo ás 17 horas será a presentación dos mércores de natureza con táboas paddle surf e kayaks pola Abrela, o 10 de xullo ás 10 horas a subida do río Sor en Kayaks saíndo desde o peirao do Vicedo, o 17 de xullo ás 10 horas unha ruta de sendeirismo entre Covas e Fuciño do Porco e Folgueiro (utilizando o tren Feve para os desprazamentos de ida e volta desde O Vicedo), o 24 de xullo ás 16h a novedosa xeoruta, que percorrerá parte da costa do Vicedo, concretamente as praias de Area Grande e Xilloi, para coñecer as rochas cun pasado de máis de 470 millóns de anos, con materiais volcánicos e que se transformaron no "ollo de sapo", e finalmente o 31 de xullo unha ruta mixta de Sendeirismo e kayaks entre Xilloi e O Barqueiro (sendeirismo) e regreso (voluntario) en kayaks cruzando a ría ata Xilloi.
Por outra banda o día 21 de xullo celebrarase a Festa do Turismo Rural, ou Festa do Cabalo, que se celebrará no parque eólico de Riobarba, e que contará con misa na honra de S.Vicente de Francos, degustación de produtos típicos, campeonato ecuestre e baile.
Por último o 27 de xullo será a cuarta edición da Romaxe Viquinga, cunha xornada previa o 26 a partires das 20:30 horas co pregón a cargo de Serxio Pazos, desfile polas rúas do Vicedo, ruta de tapas e cantos de taberna. Xa o 27 será o espectacular desembarco viquingo e batalla, obradoiros, combates, torneo cristián con cabalos, mercado de artesanía e os espectáculos nocturnos finais.
Ademais destas actividades, haberá algunha máis para a que falta a confirmación oficial definitiva.

0.19012808799744