NatureWatch chega á Mariña para poñela en valor como destino de turismo sostible

AMariñaXa
O evento, que se celebrará en Barreiros do 28 ao 30 de marzo, reunirá expertos en ecoturismo e conservación ambiental
_Mancomunidade--NATUREWATCH-2025
27 Feb 2025

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no encontro de observación da natureza natureWatch, que se celebrará no Centro Sociocultural de Barreiros do 28 ao 30 de marzo. As persoas interesadas poden anotarse a través da páxina web oficial do evento.

NatureWatch, recoñecido pola Organización Mundial do Turismo desde a súa primeira edición en 2017, celebró xa máis de vinte encontros en diferentes provincias españolas, consolidándose como un referente do ecoturismo. Este evento atrae a participantes nacionais e internacionais interesados na divulgación e promoción do turismo sostible de natureza.

A Mariña, destino natural

Os encontros natureWatch son foros especializados de ecoturismo que se organizan en distintos puntos de España, tendo en conta as particularidades de cada rexén. O obxectivo é fomentar o turismo de observación da natureza de forma ordenada, sentando as bases para a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais. Nesta ocasión, o evento busca posicionar A Mariña como un destino de turismo de natureza de relevancia a nivel nacional.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, destacou a importancia de acoller este encontro na comarca: “Este evento supón un paso máis para converter A Mariña nun destino de referencia a nivel ornitolóxico, natural e xeolóxico, favorecendo o desenvolvemento económico e social a través das empresas de turismo activo, guías especializados, aloxamentos, restauración e produtores locais”.

Un evento responsable coa contorna

A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, subliñou que se trata dun evento socialmente responsable. “Por unha banda, é un evento neutro en carbono, xa que se adoptarán medidas para compensar as emisións xeradas durante a súa celebración, acadando un impacto 0. Por outra, parte do custo das inscricións destinarase a un proxecto local de conservación ambiental xestionado por REBINXE”. Esta organización sen ánimo de lucro foi creada por profesorado e alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo para a protección da biodiversidade na xeografía rural.

Programa do evento

NatureWatch A Mariña Lucense comezará o venres 28 de marzo cun bloque de ponencias sobre o territorio e os proxectos de sostibilidade, ademais dunha degustación de produtos locais organizada polo Colectivo de Gastronomía da Mariña. A xornada finalizará cunha sesión dedicada á conservación ornitolóxica e coa presentación do libro “Territorio Lobo” de Andoni Canela.

O sábado 29 de marzo inclúi visitas guiadas ao Monumento Natural Praia das Catedrais e á praia de Arealonga en Barreiros para a observación de aves. Durante a xornada, haberá conferencias sobre xeoturismo e regulación de accesos a espazos naturais, así como a presentación de experiencias de ecoturismo noutros destinos do norte peninsular. Tamén haberá unha degustación de produtos da Rede de Produtores de RURALtXA!

O evento finalizará o domingo 30 de marzo cunha visita á Serra do Xistral para afondar na importancia das turbeiras, a súa flora e a relación entre as breixeiras e os cabalos de monte, da man do proxecto RURALtXA!

NatureWatch está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense dentro do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización corre a cargo de Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista, contando nesta edición co apoio de RURALtXA! e a Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

⚙ Configurar cookies
0.1788158416748