Nace o Colectivo de Gastronomía da Mariña

AMariñaXa
En Viveiro foron presentados o Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña e o Colectivo de Gastronomía da Mariña
Mancomunidade-Plan-Director-Gastronomico
25 Xuño 2024

En Viveiro foron presentados o Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña e o Colectivo de Gastronomía da Mariña, xurdidos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística xestionado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña. A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, dixo que con este acto pretenden darlle visibilidade ao traballo realizado nos últimos meses no ámbito do impulso e promoción do turismo gastronómico na Mariña.

Un destino que, pola súa potencialidade, “aspira a destacar dentro do turismo gastronómico en Galicia cunha proposta máis competitiva, asociada a valores como o respecto pola cultural local, a tradición, a autenticidade e a sostibilidade”. Este plan ten por obxecto propoñer unha estratexia ben definida e consensuada para o turismo gastronómico no destino e que aportará ferramentas para avanzar de cara ao fortalecemento e integración do valor da nosa gastronomía no turismo do territorio.

“Un valor esencial que forma parte da cultura e identidade da Mariña e que ademais suma argumentos sólidos para motivar desprazamentos a un perfil de viaxeiro sensible cun turismo máis sostible e que está disposto a viaxar en diferentes momentos do ano”. Desde a Mancomunidade informaron que a estratexia de turismo gastronómico da Mariña concrétase en cinco liñas de traballo que teñen por obxecto configurar a folla de ruta do turismo gastronómico no destino: Patrimonio gastronómico e liderazgo, Gobernanza e gastrodiplomacia; Sostibilidade, innovación e talento; Produtos e experiencias de turismo gastronómico e, por último, Marketing, comunicación e comercialización.

No contexto de elaboración deste plan xurdiu a creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña. “María Teresa Iglesias Basanta (do restaurante Javier Montero) e José Cuadrado Oural (da Cooperativa Terras da Mariña), son a presidenta e o vicepresidente do colectivo, que pretende dar voz aos diferentes axentes da cadea de valor da gastronomía na comarca e que reúne a profesionais que apostan por defender e divulgar o valor do seu traballo, colaborar na súa preservación de cara ao futuro, e enriquecer e preservar a gastronomía como un feito cultural propio e único”.

Promoción e defensa

Desde produtores vinculados ao mar e a terra, ata cociñeiros, transformadores, comercializadores, hostaleiros e institucións da Mariña que traballen baixo uns principios de sostibilidade e calidade e que asinarán “unha declaración conformada por sete puntos que definen unha visión comprometida coa defensa e promoción dos valores da nosa gastronomía”, engadiu Rocío López.

Desde o Colectivo de Gastronomía da Mariña, que é o primeiro de Galicia que aúna á cadea de valor da gastronomía dun territorio, os seus responsables indicaron que “a existencia dun colectivo de gastronomía da Mariña que se manifeste e practique a posta en valor dos recursos e a cultura propias, que pense en respectar e transmitir as nosas tradicións e protexelas de cara ao futuro, que se preocupe pola sostibilidade, a calidade e innovación e que pense en integrar e colaborar con outras iniciativas locais tamén sensibles con estes valores é un agasallo para calquera territorio e pensamos que pode ter a suficiente entidade e fortaleza para abrir novos camiños e motivar proxectos relevantes e sostibles no tempo”.

Tamén informaron que esta é unha entidade que acaba de nacer e por tanto neste primeiro ano definiranse os pasos a seguir nos próximos meses que basicamente estarán relacionados coa consolidación da estrutura asociativa, a captación de novos socios numerarios, colaboradores e honorarios entre os axentes do sector e as institucións que compartan esta visión sobre unha gastronomía baseada na calidade e sostibilidade, a colaboración e participación en eventos e actividades que permitan visibilizar o colectivo e a gastronomía da Mariña ou a asistencia e colaboración en accións que permitan avanzar na consecución da estratexia de turismo gastronómico.

0.16913294792175