Nace no Valadouro a Asociación Ó compás do Río Ouro para impulsar o ensino musical

AMariñaXa
A iniciativa, promovida por pais e nais, contará con diversas agrupacións musicais e formación en múltiples instrumentos
Asociacion-o-COMPaS-DO-RiO-OURO
25 Feb 2025

Un grupo de nais e pais do Valadouro e Alfoz vén de constituír a Asociación Cultural e Xuvenil Ó compás do Río Ouro, coa finalidade de ofrecer continuidade ás clases de música para os seus fillos. A nova entidade, presidida por Helena Cornide Pumares, traballa para consolidar unha escola de música na comarca, garantindo así un espazo formativo de calidade para a infancia e a mocidade.

A asociación conta co apoio do Concello do Valadouro, que facilita un local para impartir as clases, e colabora coa empresa Soilar, dirixida por Francisco Javier García Canto. O profesorado pertence á zona da Mariña, garantindo unha formación musical próxima e arraigada na contorna.

As clases darán comezo o vindeiro 10 de marzo e ofrecerán formación en todos os instrumentos, como vento metal, vento madeira, percusión, guitarra, piano e violín, entre outros. Ademais, os alumnos poderán formar parte de diversas agrupacións musicais, como o coro, a banda, a orquestra e un combo rock.

Durante o que resta de curso, as clases impartiranse os luns, mércores e venres en horario de tarde. En maio abrirase o prazo de inscrición para o vindeiro curso, no que se reorganizarán os horarios. A día de hoxe, xa hai 22 alumnos matriculados, cunha franxa de idades comprendida entre os 5 e os 20 anos.

A asociación anima a todos aqueles interesados, tanto nenos como adultos, a sumarse á escola de música, independentemente da súa idade ou experiencia previa.

0.17084884643555