Nace na Mariña un novo marketplace para a venda en liña de produtos agroalimentarios locais
Presentouse na Mariña o novo marketplace impulsado pola Federación de Comerciantes A Mariña, Afeira.gal, que permite adquirir en liña peixes e mariscos, produtos de panadería e repostería ou bebidas de produtores e comercios locais, avanzando así na súa dixitalización.
O Goberno autonómico apoia con 48.000 euros esta plataforma dixital a través do programa de axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural. A través desta convocatoria concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan tamén concellos de menos de 10.000 habitantes e Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), ademais da Federación de Comerciantes A Mariña.
Así, impúlsanse accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.
ENCONTRO CO COMERCIO LOCAL
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, tamén mantivo en Foz un encontro con representantes tanto da Federación de Comerciantes A Mariña como de diferentes asociacións locais de comerciantes da comarca, co obxectivo de coñecer as súas propostas e informar sobre os diferentes programas de apoio que activará este ano o seu departamento.
Neste sentido, trasladoulles que seguirán traballando na competitividade do comercio de proximidade galego desde eidos como a dixitalización, a sostibilidade e ecoinnovación e a formación permanente dos profesionais, adaptando o comercio de proximidade ás novas tendencias e hábitos de consumo, así como ao actual contexto económico.