Nace na Mariña a banda feminina "Sen límites", con versións de pop contemporáneo

A escena musical da Mariña suma unha nova proposta con nome propio: Sen límites, unha banda formada integramente por mulleres que aposta por versionar temas de pop recoñecido cunha estética fresca e un son propio. A súa posta de longo será o vindeiro 11 de xuño no concerto de instrumentos da aula de adultos Conservatorio de Viveiro, onde ofrecerán o seu primeiro concerto ante o público.
As seis integrantes de Sen límites coñecéronse na Aula de Adultos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, e decidiron dar o salto da formación académica ao escenario compartido. O grupo está composto por María Pérez Santaballa á batería, Natalia Pena Blanco ao baixo, María Jesús Pérez Paleo e Milagros Herrero López na percusión e voz, María Rolle Insua ao teclado e Ángela Requejo Fernández, que asume a voz principal e tamén toca a guitarra.

Con estilos e traxectorias diversas, as compoñentes coinciden nunha paixón común pola música e nunha clara intención de romper barreiras. “Somos mulleres adultas con ganas de expresarnos a través da música e de amosar que a creatividade non entende de idade”, din. O nome da banda, Sen límites, quere precisamente reflectir esa filosofía aberta e sen fronteiras.
Entre o repertorio que están a preparar destacan versións de cancións do panorama pop en castelán, con especial predilección por temas que deixaron pegada. Un dos seus favoritos é "Moriría por vos", de Amaral, que interpretan con personalidade propia.
O concerto do 11 de xuño será a súa carta de presentación e supón un primeiro paso dun proxecto que aspira a consolidarse na comarca.