Nace en Foz a Rede de Saúde Local, unha alianza entre Concello, centros educativos e Centro de Saúde

Foz
AMariñaXa
A nova estrutura busca promover accións comunitarias para mellorar o benestar físico, emocional, social e ambiental da veciñanza
Foz-charlas-Desmontando-bulos-machistas-nas-redes-2025
8 Nov 2025

A concelleira de Sanidade de Foz, Kathy Navarro, anunciou a creación da Rede de Saúde Local de Foz, un proxecto que une ao Concello, aos centros educativos públicos e ao Centro de Saúde da vila. A iniciativa, impulsada pola Rede Galega de Promoción da Saúde, pretende consolidar un espazo de colaboración estable entre institucións para desenvolver accións coordinadas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

Segundo explicou Navarro, esta nova rede “nace coa vontade de entender a saúde nun sentido amplo, que non se limita ao aspecto físico, senón que abrangue tamén o emocional, o social e o ambiental”. Trátase, dixo, “dunha ferramenta para construír unha comunidade máis sa, cohesionada e participativa”.

Como primeira actividade pública, a Rede de Saúde Local organiza a conferencia Desmontando bulos machistas nas redes, que terá lugar o xoves 14 de novembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Foz. O encontro contará coa participación de Sandra Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial; Dalila Pazos, maxistrada da Sala do Social nº3 de Lugo; e Luis Villares, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia.

A edil de Sanidade destacou tamén que, grazas á colaboración dos ponentes, “ademais da conferencia aberta ao público, manterán un encontro co alumnado do Instituto de Ensino Secundario de Foz, no que abordarán esta temática adaptándoa á súa realidade e intereses”.

Navarro concluíu que esta nova rede “é un paso importante para integrar a saúde en todas as políticas locais e implicar á cidadanía na construción dun Foz máis saudable, consciente e solidario”.

⚙ Configurar cookies
0.065082788467407