Nace en Foz a asociación Agarimos para defender a residencia e o centro de día públicos

Foz
AMariñaXa
O colectivo busca garantir prezos xustos e servizos dignos para as persoas maiores e os seus familiares
residencia foz
14 Jun 2025

Un grupo de familiares de usuarios da residencia de maiores de Foz vén de dar un paso firme na defensa dos dereitos da terceira idade coa creación da Asociación Agarimos, un colectivo que ten como obxectivo protexer e promover a calidade do servizo público tanto da residencia como do centro de día da vila.

A nova entidade, bautizada como Agarimos. Asociación para a Defensa do Servizo Público de Residencia e Centro de Día de Foz, nace coa vontade de representar os intereses sociais e económicos das familias usuarias e de todas aquelas persoas que comparten a preocupación polo benestar das persoas maiores.

A súa directiva está encabezada por Manuel García como presidente, Marina González Cabanela como secretaria e Luis Sixto Legaspi no cargo de tesoureiro. A asociación mantén as portas abertas a familiares de residentes actuais e futuros, así como a cidadáns sensibilizados coa importancia dun coidado digno e accesible para a terceira idade.

Desde Agarimos consideran que a prioridade actual é a elaboración dunha nova ordenanza de prezos públicos, que marque con claridade as tarifas e garantías do servizo.

Con esta iniciativa, as familias buscan establecer un espazo de diálogo e presión construtiva para garantir que a atención ás persoas maiores sexa unha responsabilidade colectiva, xestionada con transparencia e centrada no benestar dos usuarios.

⚙ Configurar cookies
0.19890904426575